TURISMO

As consultas na oficina de Turismo de Santiago crecen un 7,61% en xaneiro

08/02/2015 A oficina de información de Turismo de Santiago atendeu no pasado mes de xaneiro 2.587 consultas presenciais na súa sede da rúa do Vilar. Esta cifra supón un crecemento do 7,61% respecto do mes de xaneiro do ano pasado. O crecemento de xaneiro supón que o ano comeza cunha consolidación no crecemento que xa se produciu no conxunto do 2014, cando se atenderon 180.616 consultas, un 1,54% máis que no 2013.

O maior número de consultas no mes de xaneiro foi de turistas españois, con 1.421. Esta cifra representa un aumento do 11,36% respecto do mes de xaneiro de 2014. Este crecemento vai na liña do crecemento estimado para o turismo español no 2015, que previsiblemente continuará coa súa recuperación e permitirá que a cidade poda alcanzar cifras de pernoctacións semellantes ás dos anos previos ao comezo da crise económica.

Pola súa banda, o turismo internacional sumou 1.166 consultas no pasado mes de xaneiro. Esta cifra supón un crecemento do 3,37% respecto de xaneiro do 2014, ano no que se marcou o máximo histórico de pernoctacións de turistas foráneos na cidade, superando por primeira vez as 450.000.

Os cinco países que tiveron un maior número de consultas no pasado mes de xaneiro foron: Portugal, con 215; Francia, con 126; Brasil, con 94; Alemaña, con 93; e Corea do Sur, con 80. Por Comunidades Autónomas, as que cinco que tiveron un maior número de consultas foron: Madrid, con 217; Cataluña, con 161; Andalucía, con 74; Valencia, 73; Castela e León, con 63.

Compartir: