DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Santiago, primeiro concello en Galicia en implantar a licitación electrónica

07/02/2015 O Concello de Santiago é pioneiro, xunto coas deputacións de Ourense e Pontevedra, en implantar a licitación electrónica, no marco do proxecto LEAL (Licitación Electrónica nas Entidades Locais).

O proxecto consiste na implantación dun modelo de licitación exclusivamente electrónico a través da plataforma electrónica de contratación pública vortalGOV, para a Administración Pública, as entidades locais e o tecido empresarial de Galicia.

Deste xeito, Compostela cumpre cos obxectivos do plan estratéxico dos Concellos para a modernización administrativa das entidades locais de Galicia. Concretamente, en Santiago, a área de D.U.S. (Desenvolvemento Urbano Sostible) é o primeiro departamento en empregala, tendo publicado xa o seu primeiro contrato menor.

vortalGOV é unha plataforma de licitación que permite integrar por vía electrónica os procesos de contratación das Administracións Públicas e os licitadores, facendo as transaccións máis seguras, confidenciais, rápidas, transparentes, simples e eficaces, ofrecendo servizos innovadores que engaden valor e reforzan a competitividade dos clientes.

Tecnicamente trátase dunha plataforma de licitación electrónica en modelo Cloud (Software as a Service) adaptada ao RDLex 3/2011 de 14 de novembro e á Lei 11/2007 de 22 de xuño, garantindo os máximos estándares de seguridade –ISO 27001- e adaptada aos Esquemas Nacionais de Seguridade e LOPD.

Coa licitación electrónica é posible reducir os tempos dos procesos de contratación e obter aforros accedendo a un mercado máis amplo de provedores. Entre os seus beneficios están a redución de gastos de contratación (+ provedores) e administrativos (papel, fax, teléfono, etc.); optimización do proceso de contratación facéndoo máis rápido, transparente e seguro; e a redución do tempo dos funcionarios públicos dedicado a tarefas administrativas de escaso valor.

Rehabilitación da Ponte de Asén
O primeiro contrato tramitado a través desta plataforma é a redacción dun proxecto para a rehabilitación da Ponte de Asén (unha ponte do século XIX que dá acceso a Monte Pío dende o parque de Galeras, que ten moito tránsito de tráfico rodado e peonil e que se atopa en deficiente estado de conservación). A tramitación xa está feita e pendente de adxudicación.

Compartir: