COMERCIO

Aberta a II Feira de Antigüidades de Santiago

06/02/2015 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, asistiu no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia á apertura da II Feira de Antigüidades de Santiago de Compostela, que se celebra dende este venres ata o domingo. 40 expositores de España e de varios países europeos participan neste evento, no que se amosan e se poñen á venda máis de 40.000 pezas.

O evento diríxese tanto aos coleccionistas como a calquera persoa interesada nas antigüidades que pode atopar pezas curiosas ou cun valor sentimental. Os expositores teñen unha ampla variedade de pezas, como máquinas de escribir antigas, radios, teléfonos, gramófonos, mobles, discos, xoguetes, ferramentas…

A feira ofrece tamén a oportunidade de que os asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes lles fagan unha taxación precisa. Inclúese tamén a posibilidade de que vendan eles mesmos esas pezas, que quizais teñen máis valor do que o propio propietario pensaba.

A feira abrirá este sábado 7 e o domingo 8 terá nun horario continuado de 11:00 a 21:00 horas. O prezo da entrada, que é valida para os tres días da feira, é de tres euros, aínda que se rebaixará a aquelas persoas que presenten os vales que se repartiron en folletos por toda a cidade. Ademais, o domingo sortearase unha peza antiga entre os asistentes.

Compartir: