CULTURA

Teatro, humor, música e programación infantil para esta fin de semana

06/02/2015 A programación cultural para esta fin de semana ofrece sete citas de seis espectáculos diferentes. Na xornada do sábado poderemos asistir no Teatro Principal á última función de Bobas & Galegas. Mofa e Befa no Século de Ouro, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, e teremos, tamén dentro deste Bono, Falándolle a un espello, con Diego Freire, na Zona C. Ademais, Pablo Chiapella ofrece no Auditorio Abanca o seu espectáculo Sí, soy el señor no ciclo Falabaratos, e co Compostela Rock haberá concerto na Sala Capitol de Morodo & Okoumé Lions Reggae Band.

Domingo repetiremos función de Falándolle a un espello; a Banda Municipal de Música ofrecerá no Principal o concerto familiar Contos e aventuras, con Paula Carballeira; e os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais darán un concerto na propia Escola. E xa na xornada do luns comezará no Teatro Principal o XXI Festival Internacional de Teatro Universitario.

Mofa e Befa con Bobas & Galegas
No Teatro Principal teremos a última función do espectáculo de Mofa e Befa, Bobas & Galegas, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Se se queren mercar as entradas soltas teñen un prezo de 10 euros (8 no anfiteatro) e poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre dende as 18:00 horas.

Mofa & Befa son dous comediantes de investigación que xa levantaron escandalosos casos de corrupción política, marxinación social, trauma infantil, crise económica, torturas, actividades mafiosas, minorías, infidelidades, dieta equilibrada... Temas de candente actualidade que expoñen ao xuízo do público en espectáculos de aspecto teatral. Agora a súa vítima é o inocente teatro do Século de Ouro castelán. As comedias da honra e o amor, os dramas relixiosos, o luxo festivo das buxigangas… todo é pasado pola pedra de Mofa & Befa. Tal vez por isto foi a obra seleccionada para abrir o Festival de Almagro 2014 no Corral de Comedias. Ou non…

Falándolle a un espello na Zona C
Producións Dispersas ofrece o espectáculo Falándolle a un espello na Zona C, con Diego Freire e baixo a dirección de José Campanil. Enmárcase no Bono de Teatro Galego e Portugués. Poderemos velo sábado ás 20:30 h e domingo ás 19:30 h. Está dentro do Bono e as entradas soltas teñen un prezo de 8 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Principal, aberto de 18:00 a 21:00 h, ou na Zona C dende unha hora antes de que comece.

Un home descobre que é o único sobrevivente da fin do mundo. O planeta enteiro está a súa disposición. Un novo mundo só para el, cheo de oportunidades e retos. O seu único compañeiro é un espello non demasiado conversador. Inevitablemente, as ausencias comezan a evidenciarse moi pronto e as vellas rutinas vanse substituíndo por outras novas. Que pode facer? Onde pode ir?

Pablo Chiapella no Falabaratos
Albaceteño de nacemento, actor por devoción e integrante de Muchachada Nui con Ernesto Sevilla, Raúl Cimas, Julian López e Joaquín Reyes, ademais do seu papel como Amador en La que se avecina, presenta o seu espectáculo Sí, soy el señor. Un divertidísimo show no que Pablo repasa e comparte co público os seus medos, curiosidades e todo o seu marabilloso mundo interior. Será o sábado ás 20:30 h no Auditorio Abanca.

As entradas teñen un prezo de 22 € no patio de butacas e anfiteatro 1 e 20 € no anfiteatro 2 o día do evento e os prezos son de 18 € e 16 € se se mercan anticipadas. Poden adquirise no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no propio Auditorio Abanca o día do espectáculo a partir das 18:30 h.

Morodo & Okoumé Lions Reggae Band dentro do Compostela Rock
Ruben D. Morodo Ruíz (Madrid,1979) adopta desde novo como estilo de vida a cultura hip hop e a música xamaicana, especialmente a feita en castelán, que nace a principios da década dos oitenta en Panamá, máis concretamente, na cidade de Colón e que comeza a chegar a España unha década despois. Ganjahr Family e West Rockers Band ofrecerán na mesma noite o seu único concerto en Galicia.

Será o sábado ás 21:30 horas na Sala Capitol. O prezo deste concerto é de 12 euros anticipada e 16 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no horario habitual, así como en A Reixa Tenda, rastatickets.com, salacapitol.com, Cultura Urbana, Galifornia (A Coruña) e Cuatro Elementos (Vigo, Ourense).

Contos e aventuras coa Banda Municipal
Moitos son os compositores que se sentiron atraídos por novelas e narracións ao longo da historia… Este programa centrado nas novelas de aventuras preparado pola Banda Municipal de Música cóntanos as peripecias de Aladdin, de Gulliver, de Tom Sawyer, de Huckelberry Finn, das personaxes imaxinadas por Hans Christian Andersen… vistas ao través das músicas orixinais escritas para banda por Nielsen, Hyldgaard, Appermont ou Cesarini…

E todo isto contado dende a experiencia e a sensibilidade da escritora, actriz e narradora galega Paula Carballeira e coa nosa Banda Municipal dirixida polo seu director titular, Juan Miguel Romero Llopis. É un programa recomendado para nenos e nenas de 3 a 6 anos que poderemos ver o domingo, ás 12:30 horas, no Teatro Principal. As entradas son de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Principal.

Concerto dos Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais
Este será o primeiro concerto do programa A Escola na Cidade, ciclo de concertos organizado pola Escola de Altos Estudos (EAEM) e o Consorcio de Santiago. Nesta ocasión participan os alumnos de corda e vento do Curso de Especialización Instrumental (CEI). Este primeiro concerto é promovido en colaboración co Concello de Santiago de Compostela no marco do Ciclo de Novas Orquestras 2015.

A duración do concerto, que se celebra na Escola de Altos Estudos Musicais, é de 60 minutos e nel poderán escoitarse obras de Telemann, Barriére, Vivaldi na primeira parte, e de Danzi e Milhaud na segunda. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.

Compartir: