ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca o compromiso do Colexio de Avogados de Santiago na defensa do mantemento das sedes xudiciais na cidade

06/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu aos actos organizados polo Colexio de Avogados de Santiago con motivo da festividade de San Raimundo de Peñafort. No acto, celebrado no salón nobre do Pazo de Fonseca, entregáronse as Medallas de Ouro do Colexio ao avogado Xosé Seoane e ao xuíz Luís Aláez, e o VI Premio de Dereitos Humanos ao xornalista Nacho Mirás.

A cerimonia serviulle ao alcalde para lembrar o gran "arraigo e continua presenza dende hai moitas décadas na cidade" do Colexio de Avogados de Santiago e dos estudos de Dereito. Así, destacou o seu papel de como "referentes" da vida social e política, ao igual que un bo número de avogados que "se converteron ao longo dos tempos en destacados representantes públicos de Santiago, de Galicia e de España".

Como mostra do compromiso do Colexio de Avogados con Santiago citou "a súa achega –xunto co Colexio de Procuradores, o Parlamento, a Xunta e o propio Concello de Santiago- para o mantemento das sedes xudiciais na nosa cidade, e tamén o seu labor a prol da defensa e promoción do idioma de Galicia, que mereceu o premio da Fundación Lois Peña Novo hai pouco máis dun ano".

"Ese compromiso coa cidade tamén se evidencia nestes premios que hoxe se entregan e que poñen de relevo o labor de dúas persoas que son tamén un referente para a Xustiza deste país: o avogado Xosé Seoane e o xuíz Luís Aláez, aos que felicito por estas medallas que hoxe se lle conceden". Tamén expresou os seus parabéns ao xornalista Nacho Mirás, que "coa súa loita diaria e a súa actividade divulgativa nos ensina o valor da vontade para exercer coa maior dignidade o dereito fundamental de poder vivir e convivir por riba de calquera circunstancia".

Por último, aos que tamén durante este acto celebraron a súa plena incorporación á avogacía lembroulles que "a través do mandato legal que supón este xuramento, cómpren unha obriga, pero tamén lle ofrecen á sociedade unha garantía da súa liberdade e da súa independencia, baixo os principios de boa fe no exercicio do dereito á defensa".

Compartir: