CULTURA

"A cidade interpretada" invita a reflexionar sobre a arte e os espazos públicos de Compostela

12/09/2006 Amosar que a obra de arte situada no espazo público pode ser un estímulo en un medio de conciencia da presenza activa dos cidadáns é o obxectivo do proxecto "A cidade interpretada". Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Cultura que xira arredor do binomio arte e espazo público e que terá lugar, baixo o comisariado de Pablo Fanego, de setembro a decembro do 2006.

No proxecto participan oito artistas internacionais que proxectaron diversas intervencións de carácter temporal en diferentes zonas da cidade. Convidouse a estes oito artistas de procedencias moi diversas a traballar como auténticos "turistas profesionais" sobre o contexto de Santiago de Compostela. Todos eles teñen intereses artísticos distintos, polo que as súas intervencións se relacionan con diferentes aspectos da cidade coma o contexto histórico, a dimensión cultural, os factores sociais ou a xeografía urbana. Pero todas as propostas teñen un denominador común, a centralidade do espectador.

Na primeira fase do proxecto poderáse ver a obra de cinco dos artistas. Así, o pontevedrés Jorge Barbi presenta na Fundación Granell un minarete na cidade de Santiago alleo a súa historia e estraño á súa tradición. Noutro espazo ben diferente, a Alameda, a belga Germaine Kruip amosa algo tan oposto á idea tradicional de monumento como unha "estrela fugaz".

A proposta de Carme Nogueira na Cruz de San Pedro e no Parque da Trisca consiste nunha instalación de mobiliario urbano, mentres que o británico Nathan Coley en Cervantes presenta unha igrexa cun deseño bicolor azul e branco, forma de camuflaxe que foi utilizada durante a Segunda Guerra Mundial polos barcos militares para seren así confundidos no mar. Ademais, amosa o vídeo "Jerusalem Syndrome" no Colexio de Arquitectos. A última das mostras desta grupo corre a cargo da eslovena Apolonija Sustersic na Ruela das Hortas, onde construirá un punto de encontro. Esta primeira entrega desenvolverase do 13 de setembro ao 26 de novembro.

Na segunda fase, a partir do 8 de novembro e ata o 17 de decembro, veranse as obras de André Guedes na praza de Mazarelos e na praza do Obradoiro; a do eslovaco Roman Ondák na praza de Fonseca; e a do austríaco Hans Schabus no Paseo da Ferradura.

Compartir: