XUNTA DE GOBERNO

A reurbanización do último tramo da rúa da Pastoriza completará a recuperación urbana do ámbito entre San Roque e San Caetano

06/02/2015 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de mellora de accesos á Almáciga, no ámbito da Pastoriza. Esta actuación, que se inclúe no Programa Urbana Santiago Norte, dá continuidade ás intervencións para a mellora da accesibilidade nas zonas altas da Almáciga, entre a rúa Pastoriza e San Roque, onde se están a abordar actualmente tamén as obras do tramo Basquiños-A Pastoriza, e o tramo Santa Clara-Basquiños, en fase de licitación.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, tras a reunión da Xunta de Goberno, o proxecto aprobado, que conta cun orzamento de licitación de 241.822 euros e un prazo de execución de catro meses, foille presentado aos veciños con anterioridade. Pretende a mellora da mobilidade e da accesibilidade na rúa da Pastoriza, nunha superficie de 1.250 metros cadrados, comprendida entre o cruce coa travesía da Pastoriza e o inicio da pavimentación con lousas de granito, uns 65 metros antes de chegar á praza da Paz, en San Caetano.

"A intención e continuar coa recuperación do uso peonil desta zona, grazas ás obras que se están a levar a cabo actualmente no tramo Pastoriza-Basquiños e que continuarán ata Santa Clara, coa diminución do ancho da calzada, a ampliación do espazo para os peóns e a consecuente redución da velocidade dos vehículos", apuntou Agustín Hernández.

A actuación supón obras de demolición e movemento de terras, e novas instalacións de auga, rego, saneamento, enerxía eléctrica, gas, iluminación, telecomunicacións e rede de tráfico. Tamén se instalarán illas soterradas para os residuos urbanos, nova pavimentación, mobiliario urbano e axardinamento e plantacións.

"Con esta nova licitación do tramo final da rúa da Pastoriza seguimos avanzando na mellora de toda esta zona comprendida entre San Roque e San Caetano, na que se levan licitado nos últimos meses proxectos de mellora urbana por un importe superior a un millón de euros", engadiu.

Obras complementarias
Neste mesmo ámbito da cidade, vanse realizar obras complementarias tanto no caso da reurbanización da rúa Caramoniña como na vía verde entre os parques de Bonaval e da Almáciga. Estas obras complementarias, que mellorarán ambos proxectos, xorden a raíz de imprevistos e obrigarán a suspensións temporais parciais dos traballos nestes ámbitos para evitar solapamentos e prexuízos no xa rematado.

O alcalde explicou que estas suspensións parciais afectan só a aquelas zonas onde é necesario actuar de forma complementaria, non ao conxunto das obras. Así, no caso da rúa Caramoniña, onde se está a executar un proxecto por un importe de 258.419 euros e un prazo de execución de 5 meses, "a suspensión parcial débese á necesidade de actuar sobre os muros dunha edificación nos que, mentres se realizaban labores de roza, se observou que presentaban risco de derrube", indicou. As obras complementarias serán neste caso de consolidación.

"Na vía verde entre os parques de Bonaval e A Almáciga, obra que está na súa segunda fase, cun orzamento de 143.120 euros e un prazo de execución de 6 meses, a paralización afecta unicamente a dúas pequenas zonas nas que se vai actuar para completar a actuación, acometendo os accesos transversais á vía verde dende as rúas Betanzos e O Pino polos laterais do colexio público que alí se atopa", explicou Agustín Hernández.

Documentos relacionados



Compartir: