DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello repón muros en varias rúas do barrio das Fontiñas

05/02/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e o edil de apoio desta área, Luis Meijide, visitaron o barrio das Fontiñas, onde o Concello acometeu a reposición de muros nas rúas de Bruxelas, Londres e Roma. A actuación incluíu tanto a reparación dos tramos de muro deteriorados como a recomposición das beirarrúas e a mellora dos sistemas de drenaxe.

No caso da rúa de Bruxelas, procedeuse á recolocación das prezas de muro desprazadas e á reposición da beirarrúa no tramo afectado. Tamén se colocou un canlón perimetral para direccionar a auga cara os sistemas de drenaxe e evitar as filtracións a través do muro. Tamén na rúa de Bruxelas reparouse un tramo de escaleira.

A actuación tamén incluíu a reparación de 40 metros lineais de muro na rúa de Londres, así como á reposición de 80 metros cadrados de beirarrúa e de 40 metros de canlón. En total, os traballos realizados nas rúas de Londres e Bruxelas supuxeron un investimento de 20.976 euros.

A estas intervencións hai que sumar unha máis realizada, dentro do contrato de mantemento, na rúa de Roma, onde tamén se reparou un tramo do muro de contención.

Segundo apuntou Teresa Gutiérrez, o Concello está a realizar un repaso xeral dos muros deste barrio compostelán, realizados previamente á construción dos edificios e, polo tanto, cunha xa importante antigüidade. Anunciou que, na medida na que se detecten deficiencias, iranse arranxando.

Compartir: