ECONOMÍA

Corenta expositores porán á venda 40.000 pezas na II Feira de Antigüidades de Santiago

04/02/2015 O Palacio de Congresos e Exposición de Galicia acollerá os días 6, 7 e 8 de febreiro a II Feira de Antigüidades de Santiago de Compostela, á que asistirán 40 expositores de España e varios países europeos, que amosarán máis de 40.000 pezas. O evento foi presentado no Pazo de Raxoi pola concelleira de Economía, Reyes Leis, e o organizador do evento, Ángel Moix.

O evento diríxese tanto aos coleccionistas como a calquera persoa interesada nas antigüidades que pode atopar pezas curiosas ou cun valor sentimental. Os expositores terán unha ampla variedade de pezas, como máquinas de escribir antigas, radios, teléfonos, gramófonos, mobles, discos, xoguetes, ferramentas…

A feira ofrece tamén a oportunidade de que os asistentes poidan levar as súas pezas antigas para que os anticuarios participantes podan facerlle unha taxación precisa. Inclúese tamén a posibilidade de que vendan eles mesmos esas pezas, que quizais teñen máis valor do que o propio propietario pensaba.

A feira abrirá o venres 6 de 17:00 a 21:00 horas. O sábado 7 e domingo 8 terá un horario continuado de 11:00 a 21:00 horas. O prezo da entrada, que será valida para os tres días da feira, é de tres euros, aínda que se rebaixará a aquelas persoas que presenten os vales que se están repartindo en folletos por toda a cidade. Ademais, o domingo sortearase unha peza antiga entre os asistentes.

Compartir: