ALCALDÍA

Agustín Hernández aposta por "manter ese ritmo de traballo, de esforzo e de dedicación que nos permitiu superar os peores momentos dunha prolongada crise"

04/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o evento empresarial 100 consellos para o 2015. O evento, dirixido a directivos e empresarios, celebrouse durante a mañá deste mércores no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Agustín Hernández destacou ante os empresarios e directivos galegos os "signos de recuperación" que se perciben na economía, froito dunhas medidas que se traducen "nun incremento do PIB nacional por riba do 1,4% (con sete trimestres consecutivos de crecemento), na creación de emprego (que comezou a ofrecer nos últimos meses cifras positivas) e no fomento de emprego estable (que medrou case un 20% en 2014)".

Tamén constatou "un repunte na recuperación de empresas e do poder adquisitivo, na estabilidade da inflación, no dinamismo das exportacións e nunha maior confianza para o financiamento e o investimento, como o testemuña a constante redución da nosa prima de risco".

"Eses resultados, restrinxidos no seu alcance pero sen dúbida esperanzadores, viñeron precedidos por múltiples esforzos en moitos ámbitos da nosa sociedade: traballadores, empresarios e cidadanía en xeral que tiveron un comportamento modélico para levar a cabo as reformas necesarias nun clima de estabilidade e de solidez que ten servido de exemplo no ámbito europeo", apuntou o alcalde.

Retos para 2015
Afirmou que, neste 2015, "todo apunta a que imos continuar nesa senda, a través das reformas fiscais e normativas adoptadas, que sen dúbida van repercutir nunha menor carga fiscal para os cidadáns, con maiores posibilidades para o consumo e con estímulos para o aforro". A isto sumou as medidas para empresas e autónomos, "cunha rebaixa xeral da carga impositiva e coa mellora de incentivos, en especial, no relativo ás vantaxes para incrementar a capacidade produtiva e as reservas de capitalización, que redundarán nunha maior fortaleza e posibilidades para o crecemento".

Para o rexedor municipal, "estamos nun momento de grandes expectativas, no que é preciso manter ese ritmo de traballo, de esforzo e de dedicación que nos permitiu superar os peores momentos dunha prolongada crise". Por iso, declarou a necesidade e "manter a comunidade de ideas no esencial, un espírito unitario para continuar neste proceso de rexeneración económica, política e social que nos está levando a mellorar día a día".

"Pero nada se poderá facer sen o impulso e a achega do sector empresarial, da capacidade de emprendemento e de creación de postos de traballo dos nosos empresarios", dixo. E entre os retos dos empresarios galegos citou "o incremento da produtividade, a incorporación da innovación e das novas tecnoloxías, a internacionalización ou as estratexias de subsistencia e crecemento nun escenario marcado pola globalidade".

100 consellos
Sobre a xornada, amosou o seu convencemento de que serán "un punto de apoio moi importante na orientación do labor empresarial nos vindeiros anos. E confío en que supoñan un incentivo para animar e impulsar unha actividade esencial para recuperar de forma definitiva os niveis de riqueza e de calidade de vida da nosa sociedade".

Tras as intervencións do alcalde, do presidente da Xunta e do director do evento, Joaquín Dosil, deuse paso aos dez relatores: o propio Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño; o presidente do Grupo Segesa, Javier González Pereira; o presidente da cooperativa Feiraco, José Montes Pérez; o presidente do astilleiro Hijos de Barreras, José García Costas; o presidente de Pérez Rumbao, José Ramón Pérez; o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González; a conselleira delegada de Geriatros, Josefina Fernández; o empresario e presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño; e o presidente de Urovesa, José Sierra.

Cada un debía expoñer dez consellos prácticos sobre temas de actualidade. Ao rematar a sesión, os asistentes disporán de 100 consellos de empresarios e xestores de éxito.

Compartir: