CIDADES PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio da Humanidade de España promociónanse en Alemaña e Bélxica

03/02/2015 As Cidades Patrimonio da Humanidade de España, tras a súa presenza en Fitur 2015, continúan coa posta en marcha das accións de promoción internacional previstas no Plan Operativo 2015, aprobado pola Asemblea de Alcaldes o pasado 6 de decembro en San Cristóbal de La Laguna. Deste xeito, o Grupo participará en dúas das feiras máis importantes de Centroeuropa, como son a Reisen de Hamburgo (Alemaña) e o Salón des Vacances de Bruxelas (Bélxica), nas que se estará dando a coñecer a oferta turística de Santiago de Compostela e das outras 14 cidades que forman a rede.

A feira Reisen de Hamburgo (www.reisenhamburg.de) é a feira da industria turística máis importante do norte de Alemaña e celebrarase do 4 ao 8 de febreiro no Hamburg Messe und Congress da cidade alemá, a segunda máis poboada do país tras Berlín, cos seus 1,8 millóns de habitantes. Hamburgo é a cidade de maior poboación das cidades de Europa que non son capitais e o seu porto, a industria aeroespacial Airbus e a presenza dos grandes grupos de comunicación e empresas de Internet fan da cidade un enclave importante no sistema económico alemán.

A feria Reisen celébrase anualmente e considérase unha das mellores feiras dirixidas ao público en xeral. Nela daranse cita máis de 900 expositores de todo o mundo, que ofertarán os seus produtos e destinos agrupados nas seguintes áreas: vacacións, caravanas, cámping e turismo activo. O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España estará presente na feira cun mostrador propio dentro do pavillón de Turespaña, atendido por unha técnica da rede, na área de vacacións. Na feira, que recibirá uns 80.000 visitantes, celébranse tamén números espectáculos, conferencias sobre viaxes, presentacións de produtos e eventos informativos sobre novos destinos de viaxe.

O mércores 4, día da inauguración da feira, a Oficina Española de Turismo (OET) de Berlín organizou un almorzo e un xantar de traballo no que participarán respectivamente unha vintena de xornalistas especializados en viaxes e unha ducia de turoperadores que traballan especialmente o turismo cultural e de interior de España no mercado alemán. Estas dúas reunións, nas que un técnico de Cidades Patrimonio presentará a oferta das 15 cidades.

Con máis de 80 millóns de habitantes e unha elevada renda per cápita, Alemaña é un dos mercados emisores de turistas máis importantes do mundo. Despois de ser o primeiro país en gasto turístico, a partir de 2012 pasa a ocupar a segunda posición do mundo en gasto turístico, por detrás de China. Segundo os datos de tráfico aéreo que proporciona AENA, 11,5 millóns de pasaxeiros voaron a España dende Alemaña, un 4,59% máis respecto a 2012. FRONTUR rexistra preto de 10 millóns de turistas alemáns a España, 9.854.760, un 5,8% máis, o 16,2% do total de turistas que recibe España. Alemaña é o segundo mercado emisor a España en ocupación hoteleira, cun 24,7% do total de pernoctacións, despois do Reino Unido, segundo EGATUR.

Bélxica, un emisor de especial atractivo
O Salon des Vacances de Bruxelas (www.salondesvacances.eu/fr), que se desenvolverá do 5 ao 9 de febreiro no Pazo de Exposicións de Heysel, no recinto Bruxelles Expo, é a feira de turismo máis importante de Bélxica. Dirixida especialmente ao consumidor final, convértese no escaparate ideal para promover os 65 países que se dan cita no recinto feiral, unha oferta que poderán coñecer de primeira man os preto de 350.000 visitantes que a organización espera.

As Cidades Patrimonio dispoñerán neste evento dun espazo propio no pavillón de Turespaña, dende o que un técnico da organización atenderá os potenciais clientes do mercado belga, un emisor de especial atractivo para os destinos patrimoniais, polo seu poder desestacionalizador e a súa fidelidade, e con intereses concretos en produtos de natureza, cultura, enogastronomía ou aprendizaxe do español.

O viaxeiro belga decántase por vacacións fly&drive -avión e coche-, hoteis, caravana e cámping principalmente, xa que son grandes afeccionados a coñecer o destino pola súa conta. Tamén se caracteriza por realizar un maior gasto diario e unha superior duración da súa estanza respecto a visitantes doutros países. Hai que ter en conta que Bélxica ten unha renda per cápita alta en comparación coa media da UE, con niveis moi similares a países como Suecia, Finlandia ou Alemaña, motivos polos que o mercado belga sen dúbida é dos máis interesantes de Europa nas circunstancias actuais.

En 2013 contabilizáronse un total de 1.873.718 chegadas de turistas belgas a España, o que supón un incremento do 10,1% respecto a 2012 e unha cifra récord no mercado. Os turistas belgas que visitaron España en 2013 realizaron un gasto total de 1.817 millóns de euros, un 19,3% máis que en 2012, cunha estanza media de 9,95 días, cifra lixeiramente superior á do ano anterior. As compañías aéreas Vueling e Ryanair xa teñen operativas as súas bases no aeroporto de Zaventem, o que se notou no número de pasaxeiros cara a España, que creceu máis dun 50% dende este aeroporto no mes de abril, consolidándose o desvío dunha parte do tráfico de Charleroi a Zaventem.

Plan Operativo 2015
O Plan Operativo de Turismo 2015 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade é a ferramenta coa que a rede leva a cabo a intensa promoción da súa oferta turística, un turismo cultural no que as 15 Cidades Patrimonio son auténtica referencia internacional e que, grazas ao convenio de colaboración que dende 2001 mantén con Turespaña, leva consigo a realización conxunta e coordinada de accións de mercadotecnia en torno á marca Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

O acordo permite ao Grupo participar ao longo do ano nas accións que Turespaña desenvolve en todo o mundo a través dos seus OET e que se concretan na presenza nas máis importantes feiras, como a Reisen de Hamburgo, ITB de Berlín, JATA de Tokyo ou o Salón des Vacances de Bruxelas; presentacións de produto en mercados maduros centroeuropeos e en mercados emerxentes como India, Brasil, Rusia e China; accións de visibilidade destinadas a público final en importantes cidades europeas como Milán, Frankfurt ou París; participación en seminarios e campañas de promoción en mercados de orixe; campañas dixitais de comunicación; presenza de información do Grupo no portal web de Turespaña; e a organización conxunta de viaxes de familiarización para xornalistas e turoperadores estranxeiros para que coñezan de primeira man as 15 cidades como destino cultural. Nas próximas datas están previstas presentacións en Viena, Milán, Países Escandinavos, Brasil, México, Colombia e India.

Compartir: