XUVENTUDE E SERVIZOS SOCIAIS

A zona vella será escenario do xogo de rol "Fillos do Trono" o sábado 28 de marzo

03/02/2015 A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, presentou en rolda de prensa o xogo histórico Fillos do Trono, que se desenvolverá o sábado 28 de marzo, entre as 11:00 e as 20:00 horas, polas rúas da zona vella de Compostela. Este xogo interpretativo, no que tamén colabora a Concellería de Servizos Sociais a través da UMAD, compleméntase con diversos obradoiros.

Fillos do Trono é un xogo histórico interpretativo, no que os participantes representarán unha serie de personaxes con obxectivos diversos: uns queren congraciarse co rei, outros buscan o enriquecemento, outros poder e algúns investigar o asasinato que tivo lugar na cidade. Durante o desenvolvemento do mesmo, un equipo de actores dinamizará o xogo, facendo que a historia evolucione e os xogadores experimenten a sensación de estar inmersos na mesma. Todos os que formen parte da actividade irán debidamente caracterizados e a organización colocará símbolos das casas nobiliarias pola zona vella.

Os participantes poderán loitar coma noutros xogos que se organizaron en Galicia (Irmandiños) pero, para evitar conflitos, non irán armados durante o xogo, senón que os combates estarán acoutados nunha zona supervisada pola organización e os seus árbitros (San Martiño Pinario).

Este xogo de rol desenvolverase na zona vella de Compostela: praza do Obradoiro (inicio do xogo), praza de Praterías, praza da Quintana e a zona de San Martín Pinario, así coma as rúas que comunican estas. Tamén se conta coa colaboración do Hostal dos Reis Católicos, que cede o seu espazo para a comida e o final do xogo.

Idades, preinscricións e talleres
O xogo está destinado a persoas de entre 18 e 39 anos, priorizando a participación dos empadroados en Santiago de Compostela. Existe unha web, fillosdotrono.com, con toda a información de preinscrición tanto no xogo coma nos talleres previos. A data límite de inscrición no xogo é o 23 de febreiro. O evento tamén dispón de comunidade en Facebook e de perfil en Twitter.

Previamente e tras o día do xogo, desenvolveranse diversos obradoiros e actividades no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, en Alita Comics, na Asociación Gallaecia In Armis e no Hostal dos Reis Católicos, este último cunha exhibición de esgrima que terá lugar o mesmo día do xogo. Nos outros tres recintos realizaranse talleres de elaboración de espadas de simulación, de partidas de rol de mesa, de elaboración de mapas, de creación de cadernos scrapebooking, de actuacións para o propio xogo e de esgrima antiga.

A historia e o xogo
Tras morrer o rei Eustaquio V nun estraño accidente de caza, o seu fillo Mario convértese en don Mario III, monarca do Reino de Castela. A súa primeira acción como rexente será visitar todas as terras do seu recentemente adquirido reino; entre elas, Galicia, onde espera recibir unha gran mostra de lealdade por parte dos principais vasalos do seu finado pai.

As cabezas das grandes casas de Galicia -os Carballo, Valeirón, Ruanova, Salgado e Vidal- reúnense en Santiago de Compostela con parte dos seus séquitos arredor da Santa Igrexa Catedral, rexida polo alto clero galego, á espera do novo monarca. Ademais, unha meiga, predicindo a importancia dos acontecementos que terán lugar, achégase á vila compostelá para brindar consello e axuda a quen así o requira, pois nesta xuntanza, decidirase tanto o futuro do antigo Reino de Galicia coma o lugar que cada unha das cinco grandes familias terá na nova orde. Mais, a escasos días da esperada chegada do novo rei, o recadador de impostos real aparece asasinado preto da Catedral; polo que, don Mario III adianta a súa chegada para a noite seguinte. Así poderá xulgar persoalmente ós responsables, decidido a utilizar toda mostra de poder necesaria para demostrar as consecuencias deste acto de alta traizón.

A cidade compostelá atópase nun estado de alerta, pois á tensión creada pola presenza das altas casas nobres e as súas vellas disputas, agora debemos engadir un importante número de mercenarios contratados polo rei para rematar con calquera indicio de rebelión e o medo fronte ao que poida facer o novo rei se non se atopa o culpable a tempo. Por isto as casas nobiliarias teñen un día para traballar sobre a fina liña entre perseguir os seus propios intereses e colaborar coas demais casas e co clero para esclarecer o asasinato.

Direccións relacionadas



Compartir: