DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Máis relatorios, obradoiros e rutas no CIAC durante o mes de febreiro

02/02/2015 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) pecha en febreiro o ciclo de relatorios Biodiversidade na cidade co titulado Os anfibios e os réptiles dos nosos parques e xardíns". Neste mes haberá tamén un obradoiro dedicado á Horticultura urbana en balcóns e terrazas, unha ruta polas Brañas do Sar e un relatorio sobre actualidade medioambiental no que se falará da ameaza que supón avespa asiática.

O sábado 7 febreiro, de 17:00 a 18:30 horas, o CIAC albergará o relatorio Os anfibios e os réptiles dos nosos parques e xardíns, do que se encargará o biólogo e experto herpetólogo Martiño Cabana, quen nos achegará a dous dos grupos de vertebrados máis ameazados da nosa contorna.

Outro dos relatorios do mes realizarase o venres 20 de febreiro, de 19:00 a 20:00 horas, baixo o título A avespa asiática é unha ameaza real. Jesús Asorey, da Asociación galega de Apicultura falaranos dos problemas que leva consigo a chegada e a expansión da avespa asiática (Vespa velutina) en Galicia.

Ao día seguinte, sábado 21 de febreiro, de 17:00 a 18:30 horas, vez para o obradoiro Horticultura urbana en balcóns e terrazas. Neste taller veremos como sacar mellor proveito dos espazos exteriores de pequenas dimensións, que especies son as máis axeitadas, que materiais imos necesitar e que cousas debemos de ter en conta á hora de poñernos mans á terra.

Como cada último sábado de mes, o CIAC organizará unha ruta interpretativa, neste caso polas Brañas do Sar. Será o 28 de febreiro, de 12:00 a 13:30 horas. Durante o percorrido poderanse descubrir moitos dos valores naturais, dos usos tradicionais e dos segredos que garda este espazo tan descoñecido da cidade.

Todas as actividades ofertadas son de balde pero, dado o aforo limitado, é preciso inscribirse. Máis información na dirección electrónica ciac@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 543 145.

CIAC
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

O CIAC está aberto para público xeral os fins de semana e días festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Pola semana, o CIAC abre para visitas guiadas a grupos de máis de 10 persoas, previa reserva chamando ao 981 543 145.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: