CULTURA

Cinco novas propostas escénicas alternativas na Zona C dentro do Bono de Teatro Galego

28/01/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron os vindeiros eventos que poderemos ver na Zona C dentro do Bono de Teatro Galego (e Portugués). Na rolda estiveron tamén catro dos protagonistas deses espectáculos: Diego Freire, de Falándolle a un espello; Rafa Janeiro "nenoescuro", de Fragmentos do desterro; Esther F. Carrodeguas, de Supermarket, e Antón Coucheiro, de Psicópata. Non puido asistir Roi F.F., de 1. Who is inside the camera?, por estar preparando precisamente o material do espectáculo.

As entradas para todos os espectáculos poden mercarse co Bono de Teatro Galego pero tamén se poden adquirir as entradas soltas a un prezo de 8 euros (agás o de Supermarket, que non entra no Bono e ten un prezo de 4,99 euros). Ademais, como é habitual na Zona C, os mércores é o día do espectador e, polo tanto as entradas dese día son a 6 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no horario habitual (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e tamén na Zona C os días de espectáculo dende unha hora antes de que comece.

Falándolle a un espello
Falándolle a un espello é o novo espectáculo de Diego Freire (Producións Dispersas). Estará do 4 ao 8 de febreiro ás 20:30 horas (domingo ás 19:30 h), con funcións escolares os días 4, 5 e 6 ás 12:00 horas.

Un home descobre que é o único sobrevivente da fin do mundo. O planeta enteiro está á súa disposición. Un novo mundo só para el, cheo de oportunidades e retos. O seu único compañeiro é un espello non demasiado conversador. Inevitablemente, as ausencias comezan a evidenciarse moi pronto e as vellas rutinas vanse substituíndo por outras novas. Que pode facer? A onde pode ir?

Fragmentos do desterro
Fragmentos do desterro, de nenoescuro, representarase os días 12 e 13 de febreiro á 20:30 horas. Esta obra é un canto dende a bordo, un camiñar incerto no territorio limiar onde o humano se dilúe nesa presenza impersoal, sen nome, que habita o mundo.

Músico, artista sonoro e videocreador, nenoescuro investiga no lado sombra do son, na suspensión da conciencia ordinaria a través de abismos perceptivos, integrando sons primarios, instrumentación analóxica e síntese electrónica nunha sonoridade de estraña raíz e difícil localización que se entrelaza con atmosferas visuais, conformando un ámbito intermedial de exploración entre o lírico e o narrativo.

Supermarket
Supermarket, de Esther F. Carrodeguas (ButacaZero), estará na Zona C do 19 ao 22 de febreiro, ás 20:30 horas (domingo ás 19:30 h). Por que brillan tanto as mazás? Que ten dentro o colacao? É mellor limpar con lixivia ou con disiclín? E sobre todo... van os ex presidentes do Goberno ao supermercado? A obra ofrece ao espectador 59,99 minutos de auténtico e orixinal "stand up poetry" para partirse de risa.

Esther F. Carrodeguas comeza xogando ás tendiñas con cartos que son pedras para entrar máis tarde nun hipermercado e construír historias dentro dos iogures que deixarán o público cun doce sabor de boca. Poesía, bailes, erotismo, adiviñas e mesmo un superconcurso completan este espectáculo absolutamente delicioso.

1. Who is inside the camera?
1. Who is inside the camera? é o novo espectáculo de Roi F.F. Estrea absoluta en Santiago do 25 ao 27 de febreiro, con sesións ás 20:30 horas.

"1, 2, 3. Si? Hello Santiago. I am 1. Vouche contar a miña historia –teño que facelo perfecto. Son un estándar singular, bastardo entre a norma e a excepción. Ben, síntoo. Non era así. I’m so sorry. –Entro en bucle. Teño que ser eu mesmo. Son unha icona única, ideal coma un algoritmo, exacto coma unha máquina. Gústame que me mires. Perdón, quen está dentro da cámara? Think positive. Be yourself. Feel the energy. Come on girls! Are you ready for love?! Moitas grazas."

Psicópata
Antón Coucheiro e Manuel Cortés representan Psicópata. Será do 4 ao 8 de marzo ás 20:30 horas (domingo ás 19:30 h). Germán Serra é un verdadeiro monstro. Coñecido coma o "artista do cúter", deixou un regueiro de asasinatos e pezas de arte con cadáveres que o fixeron famoso. Despois de dez anos en cadea, accedeu a realizar unha serie de performances organizadas por Institucións Penitenciarias para reducir a súa condena. Leva unha década sen matar, pero hoxe pode ser diferente...

Suspense, interactuación co público, vídeos, cancións, humor gráfico, gore, playmobils, dj, provocación, efectos especiais, un pouco de terror e, sobre todo, humor negro.

Compartir: