ALCALDÍA

María Antón asistiu á audiencia que Felipe VI concedeu ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

20/01/2015 A Súa Maxestade o Rei Felipe VI recibiu aos representantes municipais das 15 cidades que forman o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A segunda tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, asistiu a esta audiencia co monarca.

Neste encontro, o primeiro que Don Felipe mantén cos representantes das Cidades Patrimonio da Humanidade, a Asociación presentou ao monarca o traballo que dende hai 21 anos realiza a favor da conservación e promoción da excepcional riqueza patrimonial que atesoran estas cidades, que as fixo merecedoras de figurar na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Tras a audiencia celebrouse, na sede do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a sinatura do convenio de colaboración con Paradores. Asistiron o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria; os alcaldes e concelleiros do Grupo e a presidenta de Paradores.

Nese mesmo acto presentouse a campaña La Ruta de las Ciudades Patrimonio de la Humanidad en FITUR 2015, un concurso que se organiza con Paradores para que o público percorra os 15 stands das 15 cidades, cun gran premio.

Á audiencia no Palacio da Zarzuela asistiron, ademais da concelleira compostelá, o alcalde de Alcalá de Henares e presidente do Grupo, Javier Bello; o alcalde de Ávila, Miguel Ángel García Nieto; a alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado; o alcalde de Córdoba, José Antonio Nieto; o alcalde de Toledo, Emiliano García-Page; o alcalde de Baeza, Leocadio Marín; o alcalde de Cuenca, Juan Francés; a alcaldesa de Ibiza, Virginia Marí; o alcalde de Mérida, Pedro Acedo; o alcalde de Salamanca, Alfonso Fernández Mañueco; a alcaldesa de Segovia, Clara Luquero; o alcalde de Tarragona, Josep Fèlix Ballesteros; o alcalde de Úbeda, José Robles; e, en representación de San Cristóbal de La Laguna, a concelleira Julia María Dorta.

Compartir: