CULTURA

O ciclo Sons’15 propón dez novos concertos para os meses de xaneiro a marzo

20/01/2015 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do ciclo Sons’15 para os meses de xaneiro a marzo, cun total de 10 propostas. Fíxoo acompañado de membros de Pandeiromus e A Roda, que son os dous primeiros grupos que ofrecerán a súa música no ciclo, neste mes de xaneiro. A Roda contará ademais no seu concerto cunha artista convidada: Najla Shami.

Tras Pandeiroumus e A Roda chegarán en febreiro Oh Trío, The James Hunter Six+The Limboos e José González+Os Amigos dos Músicos e xa en marzo Screaming Headless Torsos+Cats and Monkeys, Eli "Paperboy" Reed Trío e Coanhadeira, para pechar con Martirio & Raúl Rodríguez e a mítica Joan Baez. Están xa á venda as entradas para todos os concertos no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e despois a maiores en diferentes webs segundo a proposta.

Pandeiromus. 24 de xaneiro, Teatro Principal
Nado en Compostela en 1992, Pandeiromus dedícase á investigación e interpretación da música galega de tradición oral e por momentos foron o único grupo masculino de pandeireteiros. Cantan muiñeiras, xotas, maneos, valses, pasodobres, mazurcas, acompañados de instrumentos de percusión (palmas, cunchas, culleres, chaves, latas, tamboril, bombo, pratillos), gaitas en diferentes tonalidades e acordeón. En 2007, Pandeiromus decide dar un paso adiante e volver aos escenarios para reinterpretar o seu antigo repertorio melódico mesturado con letras de poetas como Sechu Sende ou Xabier Picallo. Agora presentan o seu disco Teño días, primeira entrega da triloxía Teño días, teño noites.

A Roda. 30 de xaneiro, Teatro Principal
"Despois de moitos anos de bagaxe quixemos volver á fonte limpa, revisamos o pasado para escribir o futuro, dende unha nova óptica, este disco é produto das nosas inquedanzas, de novas experiencias, da madurez..." (A Roda). Outra volta de roda resume e presume de condensar toda unha historia… os case corenta anos de vida de A Roda. Outra volta de roda supón un punto de inflexión da andaina de A Roda polos eidos da música popular galega, ao tempo que rende homenaxe a todos os músicos que pasaron pola formación e a lembranza do seu Fito.

Oh Trío. 3 de febreiro, CGAC
Oh Trío presenta o seu novo traballo discográfico baseado nas melodías tradicionais do Cancionero Gallego de Torner e Bal y Gay. Tras un intenso traballo de selección entre os centenares de melodías da obra, Oh Trío propón unha recreación de melodías galegas dende o prisma do jazz e a improvisación. Oh Trío naceu en 2008, teñen realizado xiras por toda Europa e Latinoamérica e os seus traballos discográficos mereceron recoñecementos como 2º Mellor Disco do Ano (Cuadernos de Jazz) e Mellor Disco Internacional (Jazz Tokio).

The James Hunter Six + The Limboos. 14 de febreiro, Sala Capitol
James Hunter ganouse a confianza e fidelidade do seu público cun elegante soul de tintes clásicos. O británico domina como poucos as claves do soul e do rhythm & blues e ten xirado con artistas do renome de Aretha Franklin, Van Morrison (un padriño musical para James Hunter), Etta James e Willie Nelson. Non é James Hunter músico de publicar discos con asiduidade e nos seus últimos 20 anos de carreira apenas editou cinco coidados albumes concibidos con agarimo: con People gonna talk (2006) foi nominado ao Grammy e The hard way (2008) foi número 1 na lista de blues do Billboard. O seu último traballo discográfico con The James Hunter Six, Minute by minute, desvela a súa mellor faciana como compositor, cantante e intérprete ata o momento e é unha mostra do talento colectivo e a distinguida lealdade dos seus compañeiros de escenario, xiras e gravacións durante dúas décadas.

José González + Os Amigos dos Músicos. 21 de febreiro, Sala Capitol
Nun concerto único en Galicia, José González presenta o seu novo e agardado disco: oito anos que o cantautor sueco de orixe arxentina dedicou á súa banda paralela Junip pasaron dende o seu anterior álbum de estudo. Concibido como unha terceira parte da súa triloxía acústica (Veneer, 2004 e In our nature, 2007), Vestiges & Claws volve a situar en primeiro plano a José González coa súa particular maneira de tocar a guitarra, coa súa intensa, delicada e inconfundible voz e esas sensibles cancións de folk contemporáneo coas que emociona e hipnotiza como poucos. En 2013 José González aumentou se cabe máis aínda a súa reputación mundial grazas ao éxito acadado pola súa banda sonora de La vida secreta de Walter Mitty (Ben Stiller, Sean Penn e Shirley MacLaine).

Screaming Headless Torsos + Cats and Monkeys. 5 de marzo, Sala Capitol
Fundada a mediados dos noventa, os Screaming Headless Torsos foron sempre unha banda de culto, dirixida a públicos moi diversos, con amplos gustos e amantes dos cruces de estilos. Screaming Headless Torsos constitúen o máximo expoñente do crossover metal, funk e jazz-rock, sempre sobre bases e cores vocais da música negra con reminiscencias rhythm&blues e hip-hop. Moitos consideran a David Fiuczynski coma un dos líderes máis eclécticos do mundo do rock: a súa guitarra soa a jazz, a banda explota en rock, o cantante supura funk e blues… un auténtico festín de sons e estilos… En 2014 publicaron Code Red, novo álbum tras un silencio de 9 anos que os trae de novo a Europa.

Eli "Paperboy" Reed Trío. 8 de marzo, Sala Capitol
En 2004, Eli "Paperboy" Reed meteuse con dous amigos nun sótano-estudo coa intención de gravar esa combinación de downhome blues, rhythm&blues e soul que estiveran tocando nos clubes de Boston durante tanto tempo: 12 das 17 cancións gravadas en directo nun oito pistas e en glorioso mono conformaron o seu primeiro disco, Sings walkin’ and tyalking (for my baby). Dez anos despois as cousas mudaron e Eli "Paperboy" Reed é agora unha estrela do soul, con tres discos e centos de concertos ás súas costas por todo o mundo... Dez anos despois, os tres amigos (Eli Keszler é un innovador artista da escena experimental neoiorquina e Jake Leckie enxeñeiro de son en San Francisco) volven reunirse para revivir e compartir con nós a maxia vivida naquel soto de Boston…

Coanhadeira. 14 de marzo, Teatro Principal
Nalgúns lugares de Galicia, as coañadeiras eran aquelas mulleres responsables de varrer os restos do cereal logo das duras xornadas da malla. Tamén recibían ese nome as vasoiras que empregaban e, no fondo, o grupo Coanhadeira naceu en 2006 con ese mesmo espírito de recollida e vive entregada a amosar aqueles "restos" musicais conservados até os nosos días a través da tradición oral. Grazas á beleza das melodías tradicionais e aos seus directos cargados de forza, Coanhadeira gañou concursos (Concurso Nsaio, Certame Folk Escenario PRAU de Cantabria, Folk Folkez Blai...) e actuou nos principais escenarios folk do sur de Europa (Pardiñas, Zas, Ortigueira, Colindres, Buners, Lorient…). Tras un longo período de preparación chega o seu novo álbum, Bicos con luvas, que contou con ducias de mecenas por crowdfunding que cren e apoian este proxecto.

Martirio & Raúl Rodríguez. 21 de marzo, Teatro Principal
A admiración, o respecto, de Martirio pola figura de Chavela Vargas vén de lonxe e é de sobra coñecida e permitiulle compartir ao longo dos anos moitos encontros e vivencias con "La Chamana" a unha beira e outra do océano. A propia Chavela Vargas pediulle que a acompañara nas presentacións do seu disco La luna grande en México e Madrid: dúas datas que se converteron en historia xa que supuxeron a derradeira ocasión nas que a cantante costarricense subiu a un escenario. Martirio e o seu fillo Raúl Rodríguez entrégannos unha sentida homenaxe adaptando o universal repertorio de Chavela Vargas, nunha reinterpretación vangardista, ao compás flamenco vista a través da persoal lectura de Martirio.

Joan Baez. 28 de marzo, Pazo de Congresos
Que se pode dicir de Joan Baez? Coñecida como "a raíña da canción protesta" xurdida nos anos sesenta, recibiu innumerables premios e recoñecementos tanto pola súa música (Grammy, Discos de Ouro…) como polo seu labor humanitario. Joan Baez foi o rostro máis popular da música folk norteamericana, estrela en festivais e xiras, e comprometida activista na loita polos dereitos humanos e pola paz. Personaxe histórico e carismático, loitadora infatigable, compartiu con Martin Luther King a marcha polos dereitos civís sobre Washington de 1963, inspirou a Vaklav Havel, amiga de Nelson Mandela etc. Con máis de cincuenta anos de carreira ás súas costas, Joan Baez repasará na súa primeira actuación en Compostela os clásicos dun repertorio co que ten seducido, inspirado, sensibilizado, cativado e emocionado a varias xeracións…

Compartir: