CULTURA

Carlos López Quartet presenta o seu novo disco, "Letters from Copenhague", dentro do ciclo de concertos Sons’15 Jazz

16/01/2015 O ciclo Sons’15 Jazz, que xa nos ofreceu neste mes de xaneiro concertos de Iago Fernández Sixtet e de Sumrrá, programa este domingo a Carlos López Quartet, que nos presenta o seu novo traballo Letters from København. Será ás 20:00 horas no Teatro Principal e as entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros o propio día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do propio Principal de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443.

Xa coa súa primeira gravación, o cuarteto gañara o primeiro premio á mellor composición do jazz galego no ano 2006. Dende aquel entón, Carlos López, non parou de medrar artisticamente. Os seus dous seguintes traballos, baixo o seu alter ego "The Last Minute Experience", deixaron patente a súa capacidade camaleónica para reinventarse en cada disco, dando lugar a un dos proxectos máis orixinais de jazz feitos na península, que nada tiña que ver co seu primeiro proxecto.

A finais do ano pasado, a carreira do baterista e compositor galego toma un novo rumbo, ao ser seleccionado como un dos músicos integrantes do prestixioso Master de Jazz Europeo EUJAM. Neste tempo, tivo a oportunidade de levar a súa música por cidades como Copenhague, Berlín e Amsterdam. Como froito desta experiencia, nacen tres novos traballos discográficos nos que Carlos volve ao Jazz mais acústico. Nesta ocasión, teremos a oportunidade de escoitar a primeira entrega desta triloxía, composta e gravada en Copenhague con músicos nórdicos e galegos.

Letters from Københav é a última gravación como líder e o froito da última aventura de Carlos López, esta vez por diferentes capitais europeas, na que aflora a súa frutífera experiencia ao interaccionar e convivir con músicos de diferentes nacionalidades. O polaco Maciek Kadziela, o sueco Joel Illerhag e o galego Xan Campos –tamén inmerso nunha fecundo periplo europeo– conforman a quintaesencia escollida polo batería galego de entre un nutrido grupo de músicos cos que colaborou na capital danesa. As composicións de Carlos López manifestan unha clara deriva cara a tradición do jazz europeo e incluso do free jazz cultivado no vello continente, sen abandonar por iso claras referencias a Coltrane ou Monk.

Compartir: