DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello instala trece novas marquesiñas de parada de autobús na cidade e no rural

16/01/2015 O Concello de Santiago destinou 40.000 euros para a colocación de trece novas marquesiñas, das que dez se instalaron en parroquias do rural. A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e o concelleiro de apoio desta área, Luis Meijide, visitaron algunha das zonas onde se situaron os equipamentos, que responden ás demandas formuladas por diferentes asociacións veciñais.

Na zona urbana, as novas marquesiñas colocáronse na Choupana e San Lázaro. Ademais, xa no rural, instaláronse tres en Lavacolla-Sabugueira, tres en Marrozos (Corexo, Aldrei e Gamás) e unha en Cesar, Barral (San Miguel), Fontoade (San Xoán) e Queiroal (A Peregrina). A estas doce sumarase unha máis na rúa do Tambre.

Segundo explicou a concelleira, especialmente no rural, ademais da colocación da propia marquesiña, realizouse un labor de acondicionamento da zona para o equipamento e para a propia utilización como parada de autobús. Así, estas paradas levan unha base de grava de 10 e 15 centímetros de espesor, soleira de formigón tanto na base da marquesiña como na rampla de enlace coa calzada e salvacunetas.

Teresa Gutiérrez aproveitou a instalación destas marquesiñas para realizar un chamamento á "conciencia cidadá" respecto á "conservación do patrimonio de todos". Así, no caso da marquesiñas, expresou o seu desexo de que non se danen con pintadas, fixación de carteis ou rotura de cristais

Compartir: