CIRCULACIÓN

Cambios nos estacionamentos da zona ORA para favorecer a maior rotación de prazas

11/09/2006 As necesidades do tráfico urbano obrigan a algúns dos aparcadoiros da zona ORA, co fin de facilitar unha maior rotación de prazas e o uso máis racional do servizo. Por este motivo, a Xunta de Goberno Local aprobou a redución do tempo de estacionamento de dúas a unha hora nas seguintes rúas e prazas: Travesía da Universidade, Fonte Seca, Praza da Universidade, Praza e Arco de Mazarelos, Algalia de Abaixo, Valle Inclán e Hospitaliño.

Outra das medidas adoptadas é a implantación da zona ORA na rúa de San Pedro (dende a Porta do Camiño ata a Praza de San Pedro), en Virxe da Cerca (no contorno da Praza de Abastos) e na Praza de Entrepraciñas. Estes grupos suman un total de 154 prazas e o seu horario adiántase das 10:00 ás 9:00 horas. Así mesmo, apróbase a ampliación da zona ORA en Carreira do Conde, Castrón Douro-Patio de Madres, García Blanco, Concepción Arenal, Pitelos e Santa Clara (Total: 218 prazas). Finalmente, amplíase o horario de carga e descarga no Ensanche ata as 18.00 horas, a petición dos comerciantes.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a ratificación do proxecto do obradoiro de emprego "Compostela Natural" e a solicitude dunha subvención á Consellería de Traballo para tal fin. O obxectivo desta iniciativa é a rexeneración do cauce e a recuperación ambiental das ribeiras do río Sarela. Este taller ten unha duración prevista de doce meses e catro especialidades formativas: carpintería, albanelería, xardinería e electricidade.

Axudas escolares

En materia educativa, aprobouse un orzamento de 5.000 euros e as bases do Programa de axudas escolares para o curso 2006-2007. Está destinado a axudar a aquelas familias que non dispoñan de rendas suficientes para afrontar os gastos de escolarización dos fillos ao comezo do curso escolar, entendendo por tales gastos os da compra de libros, de material escolar ou de vestiario. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 15 días naturais.

Tamén se deu o visto bo ao Programa de axudas escolares para inmigrantes extracomunitarios e emigrantes retornados. Contémplase unha achega de 5.900 euros para unha iniciativa destinada tamén á compra de material escolar e a outros gastos de escolarización para familias sen recursos. O prazo tamén de presentación de solicitudes tamén será de 15 días.

Convenios

No ámbito do benestar social, a Xunta de Goberno aprobou tres convenios de colaboración. O primeiro deles subscríbese coa Universidade de Santiago para a realización do programa "Ruptura de parella, non de familia", da unidade de Psicoloxía Forense da Facultade de Psicoloxía. Dedícanse 7.000 euros a un programa que pretende aportar axuda psicolóxica para a recuperación do benestar psicoemocional e a reorganización das familias afectadas. Os outros dous convenios ratificados subscríbense coa Asociación Galega para Acuda dos enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), por 6.600 euros, e coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (ASPANAES), por 3.400 euros.

Finalmente, deuse o visto bo á sinatura dun convenio entre a Concellaría de Política Lingüística e a Deputación da Coruña para a realización de dúas campañas de dinamización lingüística. Unha delas promoverá a transmisión lingüística interxeracional e a outra contribuirá a colaborar coas boas prácticas lingüísticas na Administración municipal.

Compartir: