TURISMO

O aeroporto de Santiago supera en 50.000 pasaxeiros internacionais o obxectivo de 2014

15/01/2015 O aeroporto de Santiago conseguiu un novo récord nas súas conexións internacionais directas, con 449.231 pasaxeiros, 100.000 máis que no 2013. Entre 2011 e 2014, o tráfico nas conexións internacionais directas creceu máis dun 100%, pasando de 219.993 pasaxeiros en 2011 a 449.231 en 2014.

O aeroporto de Santiago sumou 449.231 pasaxeiros nas trece conexións internacionais directas que tivo no ano 2014. Esta cifra supón un novo máximo histórico no tráfico internacional no aeroporto, cun aumento de 100.000 pasaxeiros con respecto ao tráfico do ano 2013, que a súa vez xa marcara o récord ata entón. Esta cifra supón que se superou en 50.000 pasaxeiros o obxectivo marcado por Turismo de Santiago para este ano.

Con esta cifra, o aeroporto de Santiago logra un novo impulso na súa internacionalización e consolídase como principal porta de entrada do turismo foráneo en Galicia. Nos últimos tres anos, o tráfico nas conexións internacionais directas creceu en practicamente 230.000 pasaxeiros, pasando dos 219.993 de 2011 aos 449.231 do 2014. Isto supón que o crecemento nestes tres anos foi superior ao 100%.

O crecemento do 2014 foi posible gracias a dúas razóns. Por unha banda, á incorporación das novas conexións a Bruxelas, Ámsterdam e Roma, que permitiron que houbese a mellor conectividade internacional da historia do aeroporto, con trece conexións directas. Por outra banda, á mellora xeralizada do número de pasaxeiros nas conexións xa establecidas.

A compañía que moveu un maior número de trafico internacional no aeroporto de Santiago foi Easyjet, que entre as súas conexións a Xenebra, Basel e Londres, sumou 155.899 pasaxeiros. En segunda posición aparece Ryanair, que moveu 139.185 pasaxeiros nas súas rutas a Londres, Frankfurt e Milán. A continuación sitúase Vueling, que aumentou a súa pasaxe ata os 91.971 pasaxeiros, nas súas conexións a París, Bruxelas, Ámsterdam, Zurich e Roma. Turkish Airlines sumou 33.349 pasaxeiros e Aer Lingus 28.827.

Documentos relacionados



Compartir: