CULTURA

Cinco novas propostas para o ciclo Blues Nite by 1906 ata o mes de maio

15/01/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron os novos concertos do ciclo Blues Nite by 1906 ata o mes de maio. Este ciclo naceu no ano 2013 e nel fanse propostas de diferentes estilos de música, todos arredor do blues e as súas variantes e fusións e, dende setembro de 2014, conta coa colaboración de 1906.

O primeiro dos concertos deste ano será o vindeiro venres 23 de xaneiro cunha tripla proposta de blues feito en Galicia na que tres músicos moi experimentados como Víctor Aneiros, Pardo e Piti Sanz presentarán os seus novos proxectos. Considerado un dos pioneiros do blues-rock en galego, Víctor Aneiros comezou a súa andaina en solitario hai máis de 15 anos e o seu novo disco podería considerarse en certo xeito un resumo destes frutíferos anos de carreira. A soidade pide copas nos bares inclúe versións acústicas tiradas de tres dos seus anteriores seis discos.

Inquedo e activo músico, o coruñés Néstor Pardo decidiu en 2013 e logo de estar en varias bandas comezar a súa carreira en solitario. O pasado outubro entrou de novo no estudio, agora acompañado por Miguel Martínez e Adrián Seijas, para gravar 12 novos temas. Nesta noite de blues, Pardo presenta en primicia Let it stay, un traballo no que poderemos aprezar a variedade das influencias que definen o estilo propio dunhas cancións cheas de personalidade. Nesta ocasión, Piti Sanz proponnos cantar blues cas cancións populares de sempre co seu atrevido experimento Galego-Go Blues. Nun exercicio de improvisación e divertimento, entraremos no folk sen decatarnos de que estamos facendo blues –e viceversa– con esta singular figura da música feita en Galicia.

O 5 de febreiro estará no ciclo Juan Zelada. Inquedo cantante, músico e compositor madrileño, Zelada aterrizou en Londres en 2008 coa súa guitarra (tamén é pianista) e moitas ganas de facer música… Presentouse en numerosas salas da capital británica e xa ese mesmo ano chegou a xirar como teloneiro de Amy Winehouse no seu Back to Black Tour. En 2012, adquiriu notoriedade co seu single Breakfast in Spitafields (Record of the Week en BBC Radio Two e segunda canción máis radiada tras Adèle) e fichou por Decca, multinacional discográfica coa que gravou o seu primeiro disco, High Ceilings & Collar Bones. A súa pericia como compositor levouno a traballar con bandas como Noisettes ou Mumford & Sons. Gañador do European Border Breakers Award 2013, a principios de 2014 embarcouse nunha viaxe por Latinoamérica coa súa guitarra na busca de experiencias e novos sons que compartiu na rede (awaywithmusic.com) e que poderemos apreciar en directo nesta presentación do seu recente terceiro álbum de longa duración, Back on track. Co seu enérxico directo, no que mestura o soul de toda a vida e harmonías de jazz e blues debuxadas co espírito dun cantautor viaxado, Juan Zelada pode espertar a súa sensibilidade e reavivar os seus sentimentos.

John Németh estará en Santiago o 11 de marzo. Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul Blues nos Blues Music Awards, Németh visita por primeira vez Galicia. Para moitos unha das mellores voces de soul blues do mundo e un verdadeiro virtuoso da harmónica, este músico é fillo de inmigrantes húngaros cun sobranceiro talento natural que creceu en Boise, Idaho. A súa carreira profesional comeza no 2000 xirando con Junior Watson e en 2004 publica o seu debut discográfico en solitario, Come and get it. Trasládase a California e asina un contrato con Blind Pig Records para editar tres novos discos. O Philadephia Inquirer foi o primeiro medio que incluíu a John Németh nunha lista de novos talentos do soul, xunto a nomes como James Hunter, Eli "Paperboy" Reed e Sharon Jones. En 2013 trasládase a un dos berces do soul e do blues, Memphis, e ficha por Blue Corn Music, selo de American Roots que publica Memphis Grease, o sétimo álbum de John Németh, que con seguridade é un dos mellores discos deste xénero no que levamos de século.

A cuarta proposta do ciclo, o 24 de abril, é Laurence Jones. Este músico británico, con aínda só 22 anos de idade, non tardou en facerse un nome propio na escena do blues europeo. "O máis prometedor talento da escena blues-rock mundial" para a revista Classic Rock, en 2014 recibiu o premio ao Mellor Artista Novo do Ano en Colne (Lancashire) no festival de rhythm & blues máis prestixioso das illas británicas. O seu álbum de debut, Thunder in the sky, (2012) provocou a atención de moitos selos discográficos e o contrato con Ruf Records, reputado selo de blues alemán que editou en 2014 Temptation, disco gravado en Estados Unidos co que Laurence Jones está a colleitar inmellorables críticas en todo o mundo. O seu impresionante talento mereceu comentarios como o de Blues Magazine: "o increíble Laurence Jones dou forma ao que anticipaba, oficialmente graduouse con creces de neno prodixio a maduro guitarrista… O futuro do blues británico? Pode apostar que xa é o presente". Por primeira vez preséntase en España a que probablemente será unha das figuras clave no ritmo do blues europeo no século XXI, Laurence Jones.

Da rexión máis meridional de Indiana chega a Santiago (28 de maio) unha forza da natureza, The Reverend Peyton’s Big Damn Band, que toca a fibra da cultura musical máis profunda de Norteamérica nunha explosión controlada de talento en cada concerto: arredor de 250 actuacións ao ano ofrecen estes obreiros do directo que combinan, con fervor e paixón, Delta Blues e Hillbilly nun traballo "manufacturado" con seriedade e compromiso… Cando Keith Richards o escoitou por primeira vez preguntou "Quen é o outro rapaz que toca con el?"... e é que resulta difícil crer que as cancións de Between the ditches (o seu anterior disco, 2012) saían dunha soa guitarra. O talento incendiario de Peyton consolidouse nas condicións máis duras xa que unha doenza nas súas mans impedíalle tocar a guitarra; pero a perserverancia e a cirurxía desembocaron nunha afortunada recuperación durante a que coñeceu a Breezy, quen se convertería na súa esposa e no ritmo incansable e tribal ao seu carón tocando a súa táboa de lavar. Na súa primeira visita a España presentan o seu quinto longa duración, So Delicious!.

Bonoblues para varios concertos
As entradas para todos os concertos soltas teñen uns prezos que van dos 7 aos 16 euros e poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado), na tenda A Reixa e na Sala Capitol (e en diferentes sitios a maiores en cada un deles). Ademais, existe a posibilidade de mercar un Bonoblues para todos os concertos ou para tres deles. O bono para todos os concertos ten un prezo de 40 euros; o de 3 ten un prezo de 28 euros e será para os de Németh, Jones e The Reverend. O Bonoblues poden mercarse tamén no despacho de billetes do Teatro Principal.

Compartir: