PERSOAL

O alcalde anuncia a convocatoria da mesa de negociación co obxectivo de recuperar as condicións laborais dos traballadores do Concello

09/01/2015 Unha vez aprobados os orzamentos do Concello para o 2015, Agustín Hernández anunciou que a vindeira semana se convocará a mesa de negociación cos sindicatos co obxectivo de activar e desenvolver as medidas recollidas en materia de persoal

Como salientou o rexedor, o Concello vén de aumentar a partida de persoal en 577.000 euros, pasando de 29.437.398,77 en 2014 a 30.014.437,49 € en 2015. Deste xeito increméntanse os gastos sociais de persoal e recupérase a oferta pública de emprego, a promoción interna e o concurso de provisión de postos de traballo.

"As contas supoñen a apertura dunha nova senda para a recuperación das condicións de 2011 para os traballadores públicos, dando por saldado o plan de axuste en materia de persoal", recalcou Hernández. Concluído este plan de axuste, os orzamentos de 2015 non recollen ningún tipo de recorte de salarios. En cambio, si recollen un incremento da partida de axudas sociais, que se sitúa nos 325.000 euros.

No relativo ás prazas, mantéñense todas as correspondentes ás xubilacións e baixas producidas en 2014, en previsión de que a futura Lei de Orzamentos do Estado permita a cobertura do 100% da taxa de reposición de efectivos para todos os colectivos.

Á espera desta medida, de calquera xeito, recolléronse nos orzamentos municipais cinco prazas de novo ingreso para o Servizo de Extinción de Incendios e outras oito para a Policía Local.

Ademais, poténciase a promoción interna con 26 prazas: oito administrativos, catro técnicos medios catro técnicos superiores, dous sarxentos do Servizo de Extinción de Incendios, catro oficiais da Policía Local, tres inspectores e un inspector principal.

Así mesmo, recóllese unha partida de 20.000 euros para realizar un concurso de provisión de postos de traballo entre o persoal municipal.

Compartir: