XUNTA DE GOBERNO

En 2014 realizáronse na cidade máis de 200 obras teatrais ás que asistiron 45.000 espectadores

09/01/2015 Do conxunto das obras realizadas no último ano , que chegan ás 302 si contamos tamén as representadas en 2013, 16 fixéronse en colaboración co Instituto Nacional das Artes Escénicas e Musicais a través dun convenio que se volverá solicitar este ano. Así o acordou a Xunta de Goberno local na súa primeira sesión de 2015. O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, informou deste e doutros asuntos en rolda de prensa.

O Concello de Santiago acordou solicitar a renovación da súa adhesión á programa cultural "Platea", posto en marcha polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e Musicais (INAEM), dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.A este programa, que se dirixe a promover a circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos das entidades locais, adheriuse o Concello de Santiago o ano pasado co fin de lograr unhas condicións vantaxosas na programación que se vén realizando anualmente. Aínda que a solicitude a cursa o Concello seguindo as bases, a xestión ordinaria e o financiamento do programa recaerá no Auditorio de Galicia, como organismo autónomo que recibe os fondos municipais para a realización das actividades culturais ordinarias.

Nos espectáculos que se contraten a través deste programa, seguindo o catálogo do propio INAEM, o Concello poñerá a disposición das compañías os recursos técnicos e humanos para o desenvolvemento do espectáculo, así como a xestión recadación e liquidación da taquilla resultante. No caso de que a taquilla non acade o caché establecido polo INAEM para o espectáculo, o propio organismo estatal achegará o 65% do caché pactado ata un máximo de 12.000 euros, e no caso de continuar sendo insuficiente deberá contribuír o Concello cun máximo do 18% do caché pactado. O alcalde quixo destacar neste caso a participación estatal, "moi importante e beneficiosa para a Administración local". Este ano, como novidade respecto ao anterior, o Concello de Santiago vai solicitar que ademais do Teatro Principal que figuraba no ano pasado, se teña en conta tamén o Auditorio de Galicia á hora da programación. No seu conxunto, o INAEM destina para este programa en todo o territorio nacional un máximo de 5 millóns de euros.

O prazo para a adhesión ao programa remata o 16 de xaneiro e o período para a presentación de propostas de programación por parte das entidades locais remata o 20 de febreiro, podendo abarcar desde o 1 de abril ao 30 de xuño e do 1 de setembro ata o 8 de decembro de 2015.

Representacións teatrais realizadas en 2013 e 2014
O Concello de Santiago, seguindo a determinacións da bases, elaborou para o seu envío ao Ministerio unhas memorias da programación profesional durante os anos 2013 e 2014, tanto no Teatro Principal como no Auditorio de Galicia e noutros espazos municipais, nas que se detallan a realización dun total de 302 funcións coa asistencia duns 65.000 espectadores.

Dese conxunto de funcións, 94 realizáronse no ano 2013 contando cuns 20.000 espectadores, mentres que no ano 2014 se celebraron algo máis do dobre de funcións, concretamente 208, ás que asistiron en torno aos 45.000 espectadores.

Das funcións realizadas no ano 2014, un total de 16 corresponderon precisamente ao programa PLATEA, que este ano se vai renovar co Instituto Nacional das Artes Escénicas e Musicais.

Certame SantiAUTOR
A Xunta de Goberno aprobou tamén o contido das Bases que han de rexer o 2º Certame SantiAUTOR para artistas noveis que ten como obxectivo promover, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade de Compostela e do conxunto de Galicia. A convocatoria vai dirixida a cantautores cunha idade máxima de 35 anos, que poderán inscribirse entre o 19 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2015.

Será requisito non ter ningunha obra editada con selos discográficas ou produtoras, nin relación contractual con empresas do sector, estar empadroado nun municipio galego, que os temas presentados non foran premiados en outros certames, e a presentación de dous temas orixinais en letra e música, que serán interpretados nos concertos finais do certame previsto para os días 12 e 13 de marzo na Sala Sonar de Santiago, que colabora nesta iniciativa.

O xurado, composto por especialistas do ámbito da música e persoal técnico da Concellería de Xuventude, seleccionará como máximo 10 participantes, que pasaran a fase final actuando nun dos dous concertos organizados con ese fin. Os finalistas actuarán nos dous concertos programados, cun tempo máximo de 20 minutos cada un, no que deberán incluír a interpretación dos dous temas presentados ao certame.

Os premios, que se farán públicos o 20 de marzo de 2015 durante a primeira xornada do 6º Festival SantiAutor, inclúen a participación como teloneiros dos grupos participantes no Festival SantiAutor. Ademais, no caso do primeiro clasificado actuará en dous concertos e o segundo actuará como artista principal nun concerto organizado na Sala Sonar.

Subvención
O Concello recibiu por parte do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade unha subvención por importe de 41.142 euros para desenvolver o programa municipal de prevención de drogodependencias denominado "Versión 2.0", que contará cun orzamento global de 58.774, xa que o Concello achega o 30%. Esta axuda foi solicitada no seu día á Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas con cargo a fondos de bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos.

Esta liña de axudas está concibida para o financiamento de actividades e programas que promovan hábitos saudables como alternativa ao consumo de substancias tóxicas. As actividades estarán dirixidas preferentemente a mozos e mozas de ata 30 anos e as corporacións locais deberán financia como mínimo o 30% dos programas que se desenvolverán ata o 30 de setembro de 2015.

Documentos relacionados



Compartir: