DEPORTES

A Federación Galega de Fútbol presenta a súa nova directiva en Santiago

08/01/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou no acto de presentación da nova xunta directiva da Federación Galega de Fútbol, que se celebrou no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, no compostelán barrio de San Lázaro.

Hernández felicitou especialmente ao novo presidente, Rafael Louzán, do que dixo que sabe que vai facer unha gran tarefa. Salientou que se trata dun home cunha longa traxectoria avalada polo seu coñecemento, a súa experiencia e a súa xestión. "Desde a Deputación de Pontevedra vén realizando desde hai anos un importante labor de apoio e promoción ao fútbol, tanto de base como de alta competición, dedicando importantes recursos para o seu desenvolvemento e para a creación e modernización das infraestruturas".

O alcalde fixo fincapé en que se abre unha nova etapa. "Teño a confianza tamén de que será unha etapa positiva para Santiago de Compostela, cidade que non me cabe dúbida que terá unha axeitada consideración, conforme á súa fonda tradición futobolística. Unha tradición que se pon de manifesto cos centenares de practicantes en todos os niveis de competición, con clubs que forman parte por méritos propios da historia do fútbol galego e mesmo cun equipo que destaca nos últimos anos na división de honra do fútbol sala español", engadiu. .

Agustín Hernández rematou a súa intervención no acto dándolle de novo os parabéns ao presidente e desexándolle moita sorte nesta nova etapa á fronte da Federación Galega de Fútbol.

Compartir: