ALCALDÍA

Santiago comeza o ano co orzamento de maior gasto social e investimento produtivo da lexislatura aprobado

05/01/2015 O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria, aprobou definitivamente o orzamento municipal para 2015, que ascende a 102,6 millóns de euros. Son unhas contas expansivas que presentan o maior nivel de gasto social e investimento produtivo da lexislatura.

Santiago e así unha das primeiras cidades de Galicia que incia o ano cos orzamentos en vigor, feito que non se producía no Concello de Santiago dende fai 20 anos, segundo sinalou Agustín Hernández na rolda de prensa posterior ao pleno. "Hoxe é un día importante para a cidade", recalcou o rexedor, que engadiu que "se cumpriu o compromiso de aprobar en tempo e forma" o orzamento de 2015.

O concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, encargado de defender o orzamento no pleno, indicou que son unhas contas expansivas que presentan o maior nivel de gasto social e investimento produtivo da lexislatura e cualificou o orzamento como "social, inversor e dinamizador".

As contas de gastos para 2015 sitúanse en 102,6 millóns de euros, case un 2% máis que en 2014, unha diferenza que se eleva ao 8% descontando os gastos non produtivos, isto é, o destinados a operacións financeiras, como é o financiamento da débeda.

O de 2015 será o orzamento con maior nivel de gasto de toda a lexislatura. Así, en 2011 o orzamento fora de 95 millóns de euros; de 89,8 millóns en 2012; de 93,2 millóns en 2013 e de 100,9 millóns este ano 2014. En particular, salienta o incremento dun 18% do gasto social, que pasa dos 7,5 millóns deste ano aos 9 millóns de euros, o que supón tamén o maior orzamento da lexislatura nesta materia.

Renda de Solidariedade
Así, créase a Renda de Solidariedade de Santiago para familias con persoas en paro ou con pensión non contributiva, á que se destinará unha partida global de 600.000 euros. Deste xeito, sumadas as prestacións de emerxencia social, a cantidade destinada a axudas directas ás persoas con máis dificultades superará o millón de euros.

Tamén neste eido social, auméntanse un 12% as partidas para prevención e integración e as bolsas de comedor. Igualmente, increméntanse un 14% as subvencións nominativas destinadas ás asociacións que se dedican á asistencia social.

As partidas destinadas a mantemento e mellora de colexios, garderías e instalacións deportivas medran un 30%, e o Concello destinará 1,1 millóns de euros a programas e políticas activas de emprego, especialmente en materia formativa.

Tamén medra o orzamento destinado a seguridade e mobilidade, que pasa dos 7 aos 11 millóns de euros, un 54% máis. Este esforzo permitirá, entre outras cuestións, a conxelación do prezo do billete de autobús, así como a renovación e modernización da flota coa adquisición de 11 autobuses urbanos. Tamén se contemplan partidas para continuar coa renovación da flota dos Bombeiros, Policía Local e Protección Civil.

Actuacións estratéxicas e turismo
Os investimentos produtivos medran un 20%, pasando de 9,9 millóns de euros en 2014 aos 11,9 millóns do vindeiro ano. Neste capítulo dos investimentos, destacan tres actuacións estratéxicas: a reforma do Auditorio de Galicia, a reforma integral das instalacións deportivas de San Lázaro e a Estación Intermodal, que suman 8 millóns de euros, con partidas concretas para 2015 que permitirán iniciar estas actuacións e as correspondentes plurianualidades que garantirán o seu remate.

Outra das prioridades deste orzamento é a aposta pola dinamización turística da cidade, cun total de 2,8 millóns de euros destinados a Incolsa-Turismo de Santiago.

Todos estes incrementos de partidas estratéxicas enmárcanse nunhas contas que, non obstante, continuarán a senda da estabilidade orzamentaria e do déficit cero. Ademais, permitirán seguir reducindo a débeda financeira por habitante, que en xaneiro de 2011 estaba en 676 euros e que en 2015 se situará nos 432 euros, un 40% menos que ao comezo da lexislatura.

Función pública
O Concello incrementa os gastos sociais de persoal e recupera a oferta pública de emprego, a promoción interna e o concurso de provisión de postos de traballo.

Os orzamentos municipais de 2015 en materia de función pública supoñen a apertura dunha nova senda para a recuperación das condicións de 2011 para os traballadores públicos, dando por saldado o plan de axuste en materia de persoal.

Concluído este plan de axuste, os orzamentos de 2015 non recollen ningún tipo de recorte de salarios. En cambio, si recollen un incremento da partida de axudas sociais, que se sitúa nos 325.000 euros.

No relativo ás prazas, mantéñense todas as correspondentes ás xubilacións e baixas producidas en 2014, en previsión de que a futura Lei de Orzamentos do Estado permita a cobertura do 100% da taxa de reposición de efectivos para todos os colectivos. Á espera desta medida, de calquera xeito, recolléronse nos orzamentos municipais cinco prazas de novo ingreso para o Servizo de Extinción de Incendios e outras oito para a Policía Local.

Destaca a recuperación da Oferta Pública de Emprego, "inexistente en anteriores lexislaturas", lembrou Hernández. Ademais, poténciase a promoción interna con 26 prazas: oito administrativos, catro técnicos medios catro técnicos superiores, dous sarxentos do Servizo de Extinción de Incendios, catro oficiais da Policía Local, tres inspectores e un inspector principal. Recóllese unha partida de 20.000 euros para realizar un concurso de provisión de postos de traballo entre o persoal municipal.

Estes orzamentos reflicten a vontade municipal de recuperar as condicións laborais de 2011 para os traballadores, no marco dunha "función pública sostible" e a "vontade absoluta de diálogo" cos representantes sindicais, remarcou o rexedor, que agradece a "marxe de confianza" amosada por tres das cinco centrais sindicais.

Medidas fiscais
O alcalde tamén lembrou que as ordenanzas fiscais para 2015 recollen unha rebaixa xeral de impostos para os composteláns. Acométese así unha rebaixa xeralizada de impostos aos cidadáns de Santiago de Compostela que entrarán en vigor neste mes de xaneiro, "posible grazas á mellora da situación financeira do Concello". A respecto, aprobáronse dúas alegacións da oposición, a bonificación no IBI e no ICIO para as vivendas que instalen elementos de aproveitamento térmico.

En total, as ordenanzas fiscais para 2015 recollen 14 medidas destinadas a baixar os impostos municipais e a diminuír a carga fiscal ao cidadán por parte do Concello, con accións como a baixada xeral do IBI e importantes bonificacións no cobro do mesmo; o apoio a sectores estratéxicos na nosa cidade como a construción e o turismo; o fomento do emprego e medidas de carácter social para colectivos como familias numerosas ou beneficiarios de vivendas de protección autonómica.

A estas medidas súmanse outras tres accións complementarias que o Concello vai poñer en marcha para fomentar o fraccionamento do IBI; para axustar o calendario fiscal e así facilitar o seu pagamento; e para o fomento da domiciliación bancaria dos recibos. Todo isto co obxectivo dunha mellor planificación económica do contribuínte, dun maior prazo para o pagamento dos impostos e de máis comodidade á hora de aboar os recibos.

En conxunto, estas medidas suporán un impacto económico positivo por importe de 5,5 millóns de euros, cun aforro medio por veciños de 60 euros. Estes 5,5 millóns e euros –cifra case idéntica á do superávit do anterior exercicio- é o importe que deixará de recadar o Concello e que reverterá na propia cidade.

Baixada do IBI e axudas sociais:

Entre as 14 medidas destaca a baixada do IBI (Imposto de Bens Inmobles), cuxo tipo impositivo pasará do 0,57 ao 0,54, continuando a senda de baixada iniciada o pasado ano, cando se pasara do 0,60 ao 0,57.

En relación ao IBI, tamén se establecen incrementos das bonificacións cun fin marcadamente social. Así acontece co aumento de tres anos máis da bonificación do 25% prevista para vivendas de protección autonómica (VPA), unha medida da que se poderán beneficiar unhas 1.400 vivendas.

Concello tamén aumentará a bonificación do IBI para familias numerosas que poderá chegar ata o 60%. Finalmente, aumentará a bonificación do IBI nos núcleos rurais que poderá chegar ao 60% en función da carencia de servizos.

ICIO e Plusvalías:

Tamén se reducirá o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), pasando o tipo vixente do 2% ao 1,9%, e o Imposto de Plusvalías (por venda de inmobles), cun tipo que pasará do 26% ao 22%. Calcúlase que da primeira medida se beneficiarán unhas 1.200 solicitudes de licenza e, da segunda, unhas 4.000 liquidacións.

Impulso a sectores estratéxicos:

Outro tipo de medidas teñen como obxectivo o impulso de sectores estratéxicos. Nesa liña van dúas novas bonificacións fiscais do IBI: do 50% para inmobles declarados monumento histórico de interese cultural con actividade económica, e do 75% para inmobles de organismos públicos de investigación e de ensino universitario.

Para fomentar o sector da construción e inmobiliario, auméntase a bonificación dos inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria (obra nova ou rehabilitación), que chega ao 70%. Tamén se aproba a bonificación do 95% no ICIO para construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal. E para favorecer o emprego, a aquelas empresas que teñan incrementado o seu cadro de traballadores con contrato indefinido aumentaráselles a bonificación do IAE que poderá chegar ata un 45%.

Fraccionamento, calendario fiscal e domiciliación:

Outra novidade destacada no eido fiscal será o cambio das datas de fraccionamento do IBI para aqueles contribuíntes que se acollan a esta posibilidade. As novas datas serán os días 5 de xullo, setembro e novembro (ata agora eran os días 5 de maio, agosto e novembro). Esta medida busca unha maior separación temporal co imposto de vehículos (marzo-maio), a unificación co novo calendario de pago voluntario, afrontar os meses de maiores necesidades económicas (xullo e decembro) e evitar o mes vacacional de agosto.

Prodúcese, en consecuencia, un axuste do calendario fiscal do IBI. Ao igual que no caso do devandito pago fraccionado, cambian as datas do pago voluntario, pasando a ser o 5 de xullo e o 5 de setembro (ata agora eran o 5 de abril e o 5 de xuño).

Sobre o fraccionamento, destacar a vontade do Concello de seguir traballando para ampliar este sistema, do que xa se benefician 5.000 contribuíntes. Tratarase de ampliar o número de prazos e de buscar as solucións técnicas para lograr un sistema de pagos á carta.

O Concello tamén seguirá fomentando a domiciliación, neste caso propiciando que o abono dos recibos domiciliados se realice o último día de pago. Os contribuíntes terán así un maior prazo ata o pago do imposto e para a súa planificación económica.

Compartir: