PLENO MUNICIPAL

Aprobada a solicitude do crédito de 600.000 euros para facer fronte aos gastos ocasionados polo lume

08/09/2006 O Pleno da Corporación Local, reunido en sesión extraordinaria, autorizou a apertura dun crédito extraordinario de 600.000 euros, para atender os gastos ocasionados polo operativo contraincendios do mes de agosto e para as actuacións de emerxencia destinadas a restaurar as zonas queimadas. O primeiro dos conceptos supuxo un gasto de 258.742 euros, mentres que as actuacións de emerxencia implicaron o investimento de 341.257 euros.

A proposta realizada pola Alcaldía recibiu o voto favorable do PSOE e do BNG, e o voto negativo do PP. Con ese mesmo resultado aprobouse a contratación dunha operación de préstamo polo referido importe, que garanta de forma inmediata e de forma urxente a cobertura financeira producida. Igualmente, o Concello solicitará da Administración do Estado, da Xunta e da Deputación da Coruña as axudas e subvencións correspondentes para reparar os danos causados, punto este que obtivo os votos a favor de toda a corporación.

Outro dos acordos propostos pola Alcaldía era o referido ao mantemento do operativo contraincendios ata que non desapareza a situación de risco creada polas condicións climatolóxicas existentes. Finalmente, encomendouse aos departamentos de Parques e Xardíns e Medio Ambiente o seguimento e control do Plan de Restauración das Zonas Queimadas. A partir do mesmo realizarase un informe da situación a 30 de outubro, para a presentación dun plan a curto, medio e longo prazo da actuación medioambiental. Así mesmo, prevese un servizo de atención aos afectados para a información e tramitación das axudas a particulares postas en marcha pola Administración estatal e autonómica. Ambos puntos recibiron o apoio da totalidade da cámara.

A continuación do primeiro pleno extraordinario, celebrouse outro, a petición do PP. Os populares presentaron como puntos na súa proposta a apertura dunha oficina de información e atención aos damnificados, propoñer á Xunta a preparación dun Plan de Actuación dos solos previstos no PXOM como áreas de protección forestal e levar a cabo un informe detallado das superficies afectadas segundo o seu estado primitivo natural e os seus usos. Os tres asuntos foron aceptados polos dous partidos que sustentan o grupo de goberno, como tamén foi unánime a posición da cámara no que se refire á necesidade de revisar os puntos de auga existentes no Concello.

Os dous puntos presentados polo PP na súa proposta que non contaron co apoio do goberno e que, polo tanto, foron rexeitados, facían referencia á revisión do Plan Especial do Pedroso e ao Estudo das consecuencias urbanísticas dos solos propostos no PXOM como urbanizables e que foron afectados polos incendios. Tanto os voceiros do grupo socialista como nacionalista coincidiron en sinalar que revisar o Plan Xeral suporía un grave prexuízo para o interese público e sería premiar a actividade dos incendiarios.

Compartir: