FESTAS

Máis de 200 persoas e 7 carrozas acompañarán aos Reis Magos na súa chegada a Compostela

02/01/2015 O luns, 5 de xaneiro será o gran día para os máis pequenos. A concelleira de Festas, María Antón, presentou os detalles da Cabalgata deste ano, acompañada polo concelleiro de Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete. Nesta ocasión serán 7 as carrozas que acompañarán ás súas maxestades na chegada a Santiago, unha máis que o ano pasado.

A Cabalgata de Reis, que cumpre a súa 48 edición, estará composta por 7 carrozas nas que participarán unha comitiva de 200 persoas, escoltados por 3 escuadróns de heraldos a cabalo e outros 4 escadróns de heraldos a pé.

O Tren Real ten prevista a súa chegada ás 17:35 horas á estación de ferrocarril, onde serán recibidos polo Carteiro Real e pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago.

A Cabalgata percorrerá as seguintes rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza de Praterías ata chegar ao Obradoiro.

Xunto ás carrozas dos Reis Magos percorrerán as rúas a carroza da Estrela Real de Oriente, a carroza do Carteiro Real cos seus paxes, a Carroza de Inverno e a Carroza do Camiño da Ilusión.

As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estarán encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos. En total, haberá máis de 100 figurantes, aos que se unirán tamén uns 200 nenos e nenas máis que irán a bordo dun autobús antigo, das carrozas e dos dous trens da fantasía. Contaremos tamén con un amplo grupo de animación que nos sorprenderá ao longo do percorrido e tamén á chegada á Praza do Obradoiro.

As súas maxestades chegarán en torno ás 19:15 horas á praza do Obradoiro. Alí estará agardando a Banda municipal e serán recibidas polo alcalde, Agustín Hernández e membros da Corporación. Dende os balcóns de Raxoi, saudarán os rapaces e rapazas, (alí contaremos con un/unha intérprete da lingua de signos), a continuación os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas que o desexen, un a un, no salón vermello.

Durante todo o percorrido repartiranse 2.000 kilos de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

Tráfico
A cabalgata provocará algunhas alteración no tráfico da cidade. O concelleiro de Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, recomendou aos cidadáns que na medida do posible eviten circular en coche pola zona centro a partir da tarde. Non obstante, todos os desvíos estarán debidamente sinalados e atendidos por membros da Policía Local (nota adxunta).

Documentos relacionados



Compartir: