CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Semana Cultural de Conxo alcanza a súa XXI edición cun programa cheo de actividades e de memoria histórica

09/09/2006 Do 11 ao 16 de setembro celébrase a XXI edición da Semana Cultural de Conxo. Durante seis días non faltarán as actividades deportivas, os obradoiros, o cine ao aire libre, as charlas educativas e as actuacións musicais. A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, e a directora do centro, Lupe Rodríguez, foron as encargadas de presentar a programación, que este ano dedica un especial apartado á memoria histórica.

A propia Mercedes Rosón será a encargada de inaugurar o evento ás 19:00 horas do luns 11, nun acto que contará coa actuación do grupo de danzas do colexio La Salle e do grupo Aurelio Aguirre. Ademais, presentaranse dúas exposicións: "Trece estampas da traizón. Seoane e os poetas fronte á sublevación" e a mostra itinerante dos personaxes de cartón de pedra feitos pola asociación Diversidad de Conxo.

Para a xornada do martes haberá un taller interactivo de música e contos, o inicio de diversos campionatos de xogos e de tenis de mesa e un taller de cartón pedra para nenos e nenas. Ademais, inícianse as actividades na nova aula informática, que se inaugura aproveitando a ocasion. O prato forte do día será a exhibición de tenis de mesa que realizarán a xogadora china Zhipei Wang e o ruso Valeri Malov. Xogarán entre eles e contra seis rapaces.

O mércores incorporarase un novo taller sobre alimentación equilibrada para maiores e unha proxección de cine ao aire libre. E ao día seguinte, a novidade corresponderá a unha sesión de xogos cooperativos na Praza de Aurelio Aguirre e a proxección dun vídeo elaborado por rapaces de Conxo sobre a historia recordada do barrio. A xornada pecharase ás 20:00 horas cunha charla sobre a "II República e a represión franquista. Contextualización histórica do barrio de Conxo", impartida por Víctor Santidrián e Luís Pasín.

Para o venres quedará unha tarde de música thecno e hip-hop e unha interesante charla sobre a educación dos fillos e fillas e os xeitos de motivalos no inicio do curso e de crearlles hábitos de estudo. Impartirana membros do Seminario Galego de Educación para a Paz.

A última xornada, o sábado 16, hai preparados talleres de pandeireta e de radio e o IV Torneo de xadrez. A animación correrá a cargo da Coral de Pontepedriña e entregaranse os premios aos gañadores dos distintos torneos e xogos. E para rematar, un fin de festa con inchábeis, casa de bolas e rochódromo na praza Aurelio Aguirre.

A concelleira de Centros Socioculturais lembrou a especial vitalidade do centro de Conxo, inagurado en 1993 e que, xunto co de Vite, "empezou a conformar a rede de centros socioculturais, que hoxe son os motores da vida dos barrios e parroquias de Compostela". A propósito do barrio, as propias Mercedes Rosón e Lupe Rodríguez teñen a honra de portar o estandarte na procesión da Nosa Señora da Merced o domingo 10.

Documentos relacionados



Compartir: