TRANSPORTES

Cambios nas liñas 5, 13, C5, C6 e 11 do transporte urbano

08/09/2006 O concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, presentou os novos horarios de inverno do servizo de transporte urbano. Os principais cambios afectan ás liñas 5, 13, C5, C6 e 11 e teñen o principal obxectivo de dar resposta á expansión da cidade.

En canto á liña 5 (Polígono de Vite-Estación de Autobuses-Praza Roxa-Conxo-A Rocha), prolongará a súa cabeceira de Vite ata a nova urbanización que hai entre este barrio e a rotonda do Avío, tan pronto sexa aberta ao tráfico. Como consecuencia desta prolongación será a liña 15 a que cubra o barrio de Vite de Arriba.

A liña 13 (polígono do Tambre-Guadalupe-Casas Novas) terá a cabeceira do polígono do Tambre no Tanatorio Municipal de Boisaca, cubrindo así un importante servizo da cidade. O Tanatorio estará igualmente atendido a uns 150 metros cunha nova parada da liña 1, que non variará o seu percorrido.

Tamén rexistran cambios as liñas C5 (Polígono da Costa Vella-Praza de Galicia-Paxonal-Polígono da Costa Vella) e C6 (Polígono da Costa Vella-Paxonal-Praza de Galicia-Polígono da Costa Vella). Prolongarán o seu percorrido ata o polígono da Costa Vella, atendendo así cunha maior frecuencia as relacións de mobilidade xurdidas polos novos centros comerciais da zona, que contarán cun autobús cada 30 minutos entre as dúas liñas.

Finalmente, a liña 11 (circular de Fontiñas) será a que dea servizo os sábados ao complexo polideportivo de Sar e ao barrio de Viso, que de luns a venres presta a liña 9. Este itinerario (Viso-Fontiñas-Rúa da Rosa) non prestou servizo durante o verán e comezará a funcionar a partir don luns 11 de setembro de luns a venres laborables.

Para dar a coñecer estes cambios editaranse 30.000 folletos informativos, que estarán a disposición dos usuarios nos propios autobuses, na oficina de atención ao cidadán, na estación de autobuses, en hospitais… Igualmente, a partir do luns 11 estarán actualizados os carteis informativos nas paradas.

Compartir: