COMERCIO

Publícase unha guía do Mercado de Abastos de Santiago, o segundo lugar máis visitado da cidade tras a Catedral

23/12/2014 O volume achega unha selección de fotos históricas e imaxes actuais que amosan a ampla oferta da Praza en todo tipo de produtos. Os textos están en galego, castelán e inglés para facer o libro tamén accesible a un amplo colectivo de turistas. No acto estivo presente a concelleira de Comercio, Reyes Leis.

Co título 'Mercado de Abastos. Santiago de Compostela', Xurdir, co apoio do Concello de Santiago, acaba de sacar do prelo a primeira guía sobre un lugar de referencia para os santigueses e o segundo lugar da cidade máis visitado polos turistas, logo da Catedral. A obra, da autoría de Henrique Neira, Carmen E. Vázquez e Miguel Seoane, en edición trilingüe galego-castelán-inglés, fai un percorrido pola historia dos distintos mercados que existiron na capital galega e lembra a construción do primitivo Mercado de Abastos -proxectado en 1870 e concluído en 1874, hai agora 140 anos- e do actual, comezado en 1938 e rematado en 1945.

A obra contén ducias de fotos antigas que amosan a Praza en distintas épocas e ofrece datos de interese sobre a súa evolución, para dar a coñecer dun xeito ameno as súas orixes. Unha segunda parte recolle a vida da Praza na actualidade, a través dun mosaico onde aparecen todos os ‘praceiros’, a verdadeira alma da praza, e dunha ampla colección de fotografías que descobren como é o Mercado hoxe en día, ensinando cada un dos pavillóns e como se está a preparar para o futuro coas obras de remodelación que están a piques de rematar.

O volume constata como os froitos do mar e do campo galegos enchen os postos da Praza, onde conviven con produtos que desde distintos lugares do mundo chegan para enriquecer as cestas da compra día tras día.

En total son máis de 400 as fotografías que contén este libro nas súas 100 páxinas, o que o converte nunha obra moi visual, que seguramente gustará por igual a habitantes de Compostela e a turistas. Para compoñer esta selección localizáronse ducias de imaxes antigas de distintos arquivos e realizáronse arredor de 5.000 fotos nos últimos dous anos, procurando que se recollese o máis fielmente posible a enorme variedade de produtos de temporada que se poden atopar hoxe en día na Praza.

Compartir: