INCENDIOS

Os incendios do verán afectaron a 1.422 hectáreas do municipio

08/09/2006 Despois das medicións realizadas polos técnicos municipais, a superficie queimada no termo municipal de Santiago é de 1.422 hectáreas, das que 900 hectáreas arderon só nas dúas primeiras semanas do mes de agosto, segundo anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. As parroquias de Figueiras e Villestro foron as máis afectadas.

Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde referiuse especialmente ao incendio que afectou ao vertedoiro de Piñor. Alí, o lume tivo que ser apagado con terra, polo que foi necesario desprazar máis de 1.000 camións de terra, que depositaron no lugar preto de 20.000 toneladas de terra.

A superficie total queimada na área de Figueiras-Pedroso ascendeu a 304 hectáreas. Na zona norte de Villestro arderon 163 hectáreas e 159 máis na área sur da parroquia. Ademais, na zona de confluencia de ámbalas parroquias queimáronse outras 80 hectáreas.

Outras zonas especialmente afectadas polo lume neste verán foron as de San Xoan-Vite-Polígono do Tambre, Vidán, San Fructuoso, A Peregrina, San Xoan de Fecha, Marantes, O Eixo, San Marcos, Marrozos e Laraño.

Estes datos foron utilizados polos técnicos municipais para determinar a actuación de urxencia a realizar nas áreas afectadas, presupostada inicialmente 341.257 euros.

Compartir: