TURISMO

Compostela Gastronómica Nadal celebra un ciclo de obradoiros de cociña infantil

19/12/2014 Herbas, chourizo e queixos do país serán algúns dos ingredientes principais destes obradoiros dirixidos a nenos e nenas de 6 a 12 anos. O Mercado de Nadal contará durante a fin de semana con degustacións e tapas elaboradas por tres restaurantes da cidade

O sábado 20 de decembro, Compostela Gastronómica Nadal celebra na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos os dous primeiros dun ciclo de seis obradoiros de cociña para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Nesta primeira xornada dedicada aos máis cativos da casa, os participantes aprenderán a elaborar dúas saborosas receitas pensadas especialmente para as festas do Nadal: pola mañá, Tartaletas de queixo do país perfumadas con todo tipo de herbas frescas, e pola tarde, as tradicionais Galletas de xenxibre e canela, nunha actividade na que os pequenos poderán demostrar as súas dotes artísticas decorándoas cunha morea de cores.

O ciclo de obradoiros infantís continuará durante os seguintes sábados de Nadal, 27 de decembro e 3 de xaneiro, con dúas propostas creativas cada xornada. Deliciosos entrantes elaborados con produtos galegos, coma as Madalenas de queixo e chourizo e os Boliños de cabaciña, e sobremesas doces e tan tradicionais coma o Turrón de chocolate e o Carbón de Reis compoñen a oferta gastronómica pensada para os cociñeiros máis novos.

Compostela Gastronómica no Mercado de Nadal
Ata o 5 de xaneiro, a Praza da Quintana prosegue co Mercado de Nadal inaugurado o pasado 12 de decembro. Entre os numerosos postos de venda de produtos artesanais e gastronómicos relacionados coas festas navideñas atópase tamén o stand de Compostela Gastronómica, no que hoxe venres estará presente o restaurante Resas, especializado en cociña galega e xaponesa. Ao longo de toda a xornada, e ata as 21 horas, o público poderá degustar neste stand Sopa de miso ecolóxica, Yakisoba vegano e a súa receita especial de Viño quente. As propostas gastronómicas no Mercado de Nadal seguirán durante toda a fin de semana coa participación, o sábado, do restaurante O Curro da Parra, e o domingo do Café de Altamira.

Compostela Gastronómica é un evento que naceu o pasado mes de setembro para promocionar a cidade de Santiago como destino gastronómico. O obxectivo desta nova iniciativa é consolidar a marca ‘Compostela Gastronómica’ a través dun evento que continúa coa liña marcada na primeira edición, centrando os seus contidos nos produtos galegos de tempada e nos cociñeiros e profesionais do sector da cidade.

Compartir: