EMIGRACIÓN

O Concello colaborará na elaboración dun estudio sobre a situación dos composteláns residentes en Venezuela

08/09/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Fundación Españoles en el Mundo de Venezuela, Cándido Rodríguez Losada, asinaron esta mañá un convenio de colaboración, que permitirá coñecer mellor a situación dos emigrantes santiagueses residentes en Venezuela. O Concello achegará 3.500 euros para a realización dun estudio con este fin.

Este traballo permitirá recoller datos sobre as condicións socioeconómicas dos composteláns que viven neste país, como punto de partida indispensable e básico para deseñar axeitadamente as medidas de apoio para a esta colectividade. O Concello financiará os gastos derivados do mesmo e a Fundación comprométese a visitar aos composteláns e a cumprimentar as fichas establecidas en cada domicilio visitado. Posteriormente entregarallas ao Concello, xunto cun informe global.

Este convenio únese a outros co mesmo obxectivo asinados polo alcalde compostelán coas delegacións desta entidade en Arxentina e Uruguai, na súa recente visita a estes dous países.

A Fundación Ramón Ruibal "Españoles en el Mundo" é unha institución que se ocupa fundamentalmente dos españois que están fóra do país. O seu obxectivo é a mellora da calidade de vida dos mesmos e dos seus descendentes. Existen asociacións afíns á Fundación e delegados en dez países de América Latina e en varios de Europa. Alí detectan as necesidades concretas dos emigrantes e propoñen programas de actuación.

Compartir: