CULTURA

MClan, Burning, Freedonia, Leiva e outros 11 concertos no Compostela Rock para 2015

18/12/2014 Presentaron o programa esta mañá a concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá a programación do ciclo Compostela Rock para o primeiro semestre do ano 2015. Son un total de 15 concertos que se completarán con máis propostas que se irán pechando ao longo do semestre e que veñen consolidar este ciclo que naceu no 2012 para darlle estabilidade nun programa específico á música rock pero ofrece tamén outros estilos musicais afíns. Todas as entradas están xa á venta no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado de 18.00 a 21.00h) e tamén en diferentes sitios dependendo do concerto.

A proposta que hoxe fixeron pública arranca o venres 2 de xaneiro cun dos máis destacados grupos do rock español, MClan, que presentan o seu novo disco, ‘Dos noches en el Price’ na Sala Capitol. E péchase o 19 de xuño coa parada en Santiago de ‘Pólvora… fin de xira’ doutro dos grandes do pop rock español, Leiva, que estará no Pazo de Congresos. En xaneiro, tras MClan poderemos escoitar o indie rock de Neuman, que presenta o seu novo traballo, ‘If’ na Sala Capitol o día 8 e xa o 28, na Fundación SGAE teremos unha noite electrónica de vangarda cun dobre concerto co británico Vessel e o portugués Atilla.

En febreiro teremos dúas propostas. O sábado 7 na Sala Capitol, presenta en Santiago o seu novo disco ‘Reggae Ambassador’, Morodo que chega acompañado da súa nova banda Okoumé Lions. Ghanjar Family e West Rockers Band ofrecerán nese mesmo evento o seu único concerto en Galicia. O sábado 28 e nesta ocasión na Zona C, os madrileños Trajano! traen o seu novo traballo ‘Antropología’.

En marzo teremos seis das propostas que hoxe se presentaron. O día 6 chegan á nosa cidade os míticos Burning que estarán na Sala Capitol presentando o seu último traballo ‘Pura sangre’. Previamente poderemos escoitar o country rock dos composteláns Los Hermanitos. O venres 13 de marzo, na Zona C estarán os portugueses Paus e Coelho Radioactivo e o 14 teremos a Freedonia de novo na Sala Capitol. Esta potente banda de soul presenta o seu último traballo, ‘Dignity and Freedom’. O 21 de marzo os vigueses Es un árbol presentan tamén novo traballo, ‘En el parlamento’ e o xoves 26 poderemos escoitar o rock alternativo dos tamén vigueses Caraba e Inerttes. Ambos concertos serán na Zona C. Pechamos as propostas de marzo compartindo unha noite de metal cos portugueses Moonspel e os gregos Septic Flesh o 29 de marzo na Capitol.

Abril tráenos unha nova edición do Compostela Reggae. Será o día 10 na Sala Capitol e nel os lisboetas Terrakota presentarán o seu novo disco ‘Wontanara’ acompañados doutra banda aínda sen confirmar. E tamén en abril, o día 17, temos unha nova edición doutro ciclo xa consolidado na cidade: o triCiclo. Nesta ocasión escoitaremos a Russian Circles que chegan desde Chicago; Helms Alee de Seattle e os pontevedreses Cuchillos de Fuego.

En maio, o día 30 estarán na Sala Capitol os gaditanos Agapornis acompañados dos composteláns The Fabulous Resaca Brothers para pechar o programa, como diciamos ao comezo, con Leiva o venres 19 de xuño no Pazo de Congresos.

Compartir: