INCENDIOS

O Concello realizará unha nova medición para zanxar a polémica sobre as hectáreas queimadas

07/09/2006 Os técnicos municipais realizarán unha nova medición das hectáreas queimadas durante a vaga de incendios deste verán para zanxar definitivamente a polémica aberta en días pasados. Así o anunciaba o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, durante a visita que fixo a Vidán, unha das áreas nas que o Concello está a intervir de emerxencia para evitar a erosión do solo e para impedir que o arrastre dos restos orgánicos carbonizados poidan chegar ao cauce do río Sarela.

A actuación de emerxencia que se está a levar a cabo nas zonas afectadas polo lume e que comezou na área de Vidán, divídese en dúas partes. Os primeiros labores céntranse en construír barreiras de contención co obxectivo de evitar que os restos orgánicos carbonizados cheguen ao río provocando a súa contaminación, tarefa que é imprescindible facer antes da chegada de chuvias fortes.

A segunda parte dos traballos busca dotar de novo ao monte dunha capa vexetal para evitar que o terreo perda fertilidade e se convirta nunha zona árida, na que sería moito máis difícil o rebrote de calquera especie. Segundo salientou o Alcalde, é vital que esta actuación se acometa con rapidez posto que "se o terreo perde a capa vexetal é máis difícil que volva rebrotar a vexetación no futuro e só poderían medrar toxos, pinos e eucaliptos". Para esta actuación, as especies idóneas son as gramíneas e as leguminosas, plantas de crecemento rápido que fixan a terra evitando, deste xeito, a súa erosión.

Oito equipos están a desempeñar estes traballos: 3 deles, integrados por 9 operarios, dedícanse á colocación de barreiras naturais para evitar que escorregue a auga; outros 3, con 6 persoas, teñen como misión realizar a sementeira manual, e os 2 que restan levan a cabo a hidrosembra, tarefa que só se acomete en terreos con máis dun 30% de pendente.

A actuación de emerxencia abarcará 170 hectáreas, o que supón o 13% do total da superficie queimada e ten un custo de 340.000 euros. Comezouse nas proximidades do Sarela, por ser unha zona especialmente sensible, e continuarase en función das prioridades establecidas polos técnicos. Unha vez rematados estes traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, corresponderá aos propietarios das fincas efectuar o mantemento ordinario dos terreos, actuación que, por non estar xustificada a emerxencia, non podería acometer o Concello.

Compartir: