COMERCIO

Vinte inscritos no programa Embaixadores do barrio de San Pedro, que premia as boas prácticas comerciais

16/12/2014 O Concello de Santiago vén de por en marcha o programa Embaixadores do Barrio de San Pedro, co que se busca resaltar as virtudes, beneficios e atractivos do barrio, un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse a través do seu comercio e hostalería, para así amosar o seu atractivo á veciñanza de San Pedro, de Compostela, e aos seus turistas e visitantes.

Esta iniciativa, incluída no programa Urbana Santiago Norte e financiada pola Unión Europea a través dos FEDER, busca igualmente dar o merecido recoñecemento a aqueles establecementos que, co seu labor, contribúen á mellora da imaxe do barrio e o converten nun lugar de atracción.

Oito establecementos do barrio serán nomeados Embaixadores do Barrio de San Pedro por seren representativos das boas prácticas comerciais. A selección realizarase, entre todos os participantes, a través da técnica do "mistery shopping" ou "comprador misterioso". Consiste na visita dunha persoa que, facéndose pasar por un comprador calquera, avaliará o grao de cumprimento das boas prácticas comerciais que se recomendan no catálogo que se acompaña con esta convocatoria.

O pasado venres pechouse o prazo de inscrición e foron vinte os comercios inscritos. Agora da comezo a seguinte fase do programa, a da avaliación a través do mencionado comprador misterioso. Aqueles establecementos que obteñan as mellores puntuacións segundo o baremo establecido serán nomeados Embaixadores do Barrio de San Pedro e serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Os vídeos difundiranse a través da web do barrio de San Pedro.

Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR a través do cal calquera cidadán que pasee polo barrio ou que chegue por primeira vez a Santiago poderá atopar toda a información do proxecto dispoñible na web de San Pedro e coñecer mellor o seu establecemento. Os Embaixadores do Barrio de San Pedro daranse a coñecer o día 22 de decembro na web municipal.

Concurso de decoración e beléns
Tamén rematou o prazo para participar no IV Concurso de beléns e ambientación de Nadal. Nesta nova edición do certame, destinado a premiar os mellores beléns (individuais ou colectivos) e as ambientacións máis rechamantes de establecementos hostaleiros e comerciais, anotáronse 19 beléns e 8 locais.

As fotografías ou vídeos dos establecementos participantes
subiranse a facebook (facebook.com/Nadalamos) a partir do día 15 de decembro. Ata o 21 de decembro calquera persoa poderá votar a ambientación de Nadal que máis lle guste e resultarán gañadores os establecementos coa ambientación que obteñan máis "gústame", determinando así o 1º, 2º ou 3º premio en cada unha das categorías.

O resultado do concurso farase público o día 22 de decembro na páxina webmunicipal. Terá lugar ademais unha recepción no Pazo de Raxoi en homenaxe aos premiados, na que se lles fará entrega da figura "Compostrela".

Establécese un primeiro, un segundo e un terceiro premio para cada unha das dúas categorías propostas, comercio e hostalería. Os premios consistirán nunha mención, especialmente deseñada para os distintos premios co nome de "Compostrela" e un pack promocional personalizado coa lenda do premio obtido e coma imaxe do establecemento gañador consistente en tarxetas, bolsas, papel de agasallo e cinta de lazo decorativo (para comercio) e tarxetas, pousavasos e manteis individuais (para hostalería).

Compartir: