CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España convoca un concurso de fotografía nas redes sociais co nadal como protagonista

16/12/2014 O concurso desenvolverase nas redes sociais do Grupo e o prazo de envío de fotografías será ata o 10 de xaneiro. O primeiro premio consiste nunha estancia de dúas noites nun Parador.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España convoca desde hoxe a profesionais e afeccionados da fotografía a participar na primeira edición deste concurso fotográfico no que Patrimonio Cultural e as Festas do Nadal serán os protagonistas.

Fomentar, recoñecer, difundir e premiar a creatividade e orixinalidade na arte de fotografar tanto os centros urbanos históricos como ás persoas que os habitan e nos visitan durante as Festas de Nadal é o obxectivo do certame, que espera servir de vehículo para mostrar a riqueza do Patrimonio Cultural das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, que durante estas datas do Nadal convértense en destinos excepcionais de visitantes nacionais e estranxeiros atraídos pola súa beleza e programacións culturais e de lecer para toda a familia.

Para participar no certame os interesados deben enviar a redes@ciudadespatrimonio.org a súa mellor foto, na que se capte un momento especial, unha escena orixinal ou rechamante na que apareza como tema principal o Nadal no marco dalgunha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade (Alcalá de Henares / Ávila / Baeza / Cáceres / Córdoba / Cuenca / Eivissa /Mérida / Salamanca / San Cristóbal de la Laguna / Santiago de Compostela / Segovia / Tarragona / Toledo / Úbeda), xunto cunha breve explicación sobre a mesma: o lugar en que foi tomada, a data, etc. O Grupo de Cidades Patrimonio avaliará tanto a calidade e orixinalidade das fotografías como o lugar en que foi tomada a imaxe.

O prazo para o envío de fotografías estará aberto ata as 24 horas do día 10 de xaneiro de 2015. A partir desa data, tras a reunión e deliberación do Xurado, os gañadores daranse a coñecer na páxina web do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

O autor da máis votada polo Xurado, composto por representantes do Grupo de Cidades Patrimonio, obterá como Primeiro Premio dúas noites de aloxamento con almorzo (habitación dobre) nun dos Paradores Nacionais das Cidades Patrimonio.

Ademais, os autores das fotos que obteñan o Segundo e Terceiro Premio recibirán un exemplar do libro 15 fotógrafos, 15 cidades únicas, catálogo da exposición do mesmo nome que está itinerando polas 15 Cidades Patrimonio, formada por 60 fotografías seleccionadas por Miguel López, director da Fundación Antonio Saura de Conca.

Este concurso enmárcase dentro de área de traballo da Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio, cuxos programas teñen como obxectivo pór en valor e difundir a través de actividades pedagóxicas, exposicións, concertos, etc, o rico e variado patrimonio das 15 cidades que forman o Grupo, que lles fixo merecedoras de figurar na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

As bases poden descargarse na páxina web: http://www.ciudadespatrimonio.org/agenda/eventos.php?id=165

Compartir: