ALCALDÍA

Agustín Hernández amosa o seu apoio ao comercio de proximidade na posta en marcha da campaña de Nadal da zona do Ensanche

16/12/2014 O alcalde asistiu esta mañá á presentación da campaña "As túas compras dan luz" xunto co presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández. A iniciativa pretende dinamizar a zona do Ensanche nesta época de Nadal e concienciar aos consumidores sobre a calidade do produto e dos establecementos locais.

Neste mesmo sentido se manifestou o rexedor capitalino que indicou que mercar en Santiago é unha forma de darlle valor "ao noso, de apoiar o noso desenvolvemento, de axudar a que a economía de Santiago mellore".

Para Agustín Hernández comprar no comecio local é unhas das moitas maneiras de axudar a facer unha cidade. "Desde o Concello vimos tratando de colaborar de forma estreita coa Fundación Santiago Centro e co resto das entidades nas que se agrupan os establecementos da cidade, conscientes da importancia de apoiar decididamente o comercio local, non só polo papel de dinamización económica e de xeración de emprego que representa, senón tamén pola súa transcendencia á hora de recuperar a vitalidade e o atractivo das difrentes zonas", indicou.

Nesa liña de colaboración, ademais da promoción de numerosas actividades nese ámbito, o Concello de Santiago está a levar a cabo –xunto coa revisión do Plan Especial do Casco Histórico para a revitalización nese ámbito de usos e actividades comerciais- o impulso do uso peonil no centro da cidade e o fomento paralelo do uso do transporte colectivo. "A ese fin van dirixidas, de forma complementaria, varias das medidas postas en marcha nos últimos tempos entre elas a acordada coa Xunta de Galicia para a remodelación da Carreira do Conde, a inmediata humanización da rúa Monteros Ríos, ou a mellora da Avda. de Vilagarcía na contona da Praza de Vigo", nas que se investirán máis de 2,5 millóns de euros.

Con este fin, estase a ultimar unha nova área de aparcamentos disuasorios en Pontepedriña, proxecto que será asumido pola Xunta de Galicia cun custo superior aos 700.000 euros e que contempla a creación de 200 prazas de aparcamento, das que a maioría (182) serán para vehículos lixeiros e o resto para motocicletas.

O alcalde salientou que tamén se están a estudar outras posibles alternativas para facilitar o uso dos aparcamentos subterráneos da zona que posibiliten deixar os vehículos, proporcionen comodidade e, en último termo, disuadan aos condutores de entrar cos seus coches particulares no centro, sen que iso supoña un quebranto para a actividade comercial.

Fin solidario da campaña
Agustín Hernández manifestou, para rematar, o seu apoio á campaña posta en marcha pola Fundación Santiago Centro, que agrupa a máis de 120 establecementos do Ensanche, porque, "ademais de potenciar o noso comercio, con ela estamos a apoiar tamén unha causa solidaria como a da Asociación Centinela".

Compartir: