ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a vinculación da RAE con Santiago na presentación da vixesimoterceira edición do Diccionario da Lingua Española

15/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañou o presidente da Real Academia Española, Darío Villanueva, a quen felicitou pola súa recente elección, na presenteción en Santiago da edición do Tricentenario do Diccionario da Lingua Española.

O acto de presentación tivo lugar no Museo das Peregrinacións, onde o rexedor salientou o papel clave que xogan os diccionarios nunha lingua polo que significan de peza clave para a aprendizaxe e o uso correcto da mesma, garantía para unha norma común e para a súa estabilidade. Agustín Hernández indicou que o diccionario da lingua española, a través das súas vintetrés edicións, "é o reflexo da vida e da historia de España, unha vida e unha historia compartida por todos aqueles países que teñen a lingua española como idioma oficial dos seus territorios". "Tamén o é para Galicia, como Comunidade que ten a inmensa riqueza de contar con dúas linguas oficiais, que nos permiten comunicarnos cun amplísimo universo de cidadáns ao longo dos cinco continentes", destacou.

O español fálano preto de 500 millóns de persoas e é oficial en 22 países polo que "estamos, pois, ante un gran activo cultural que nos serve de nexo de unión e de comunicación con moi diferentes pobos e culturas que souberon articular, por riba das variedades propias de cada lugar, unha norma común. Esa norma é posible a través do labor da Asociación de Academias da Lingua Española, que desde hai máis de 60 anos aglutina as 22 institucións que en cada país teñen como fin regular o uso do idioma na procura de fixar un patrón unitario".

Ese labor fixo que no ano 2000 se lle concedera á Real Academia e ás demais correspondentes o Premio Príncipe de Asturias da Concordia, o mesmo galardón que recibiría catro anos despois o Camiño de Santiago. Hernández quixo facer fincapé en que esta distinción vén poñer de manifesto o papel esencial das linguas, de comunicación e entendemento, de vehículos para o intercambio e a convivencia, "algo que algúns esquecen con demasiada frecuencia, pero que a inmensa maioría dos galegos e as galegas temos moi presente na nosa realidade cotiá, onde se constata a pacífica e harmónica convivencia entre as dúas linguas oficiais".

Vinculación con Santiago
O alcalde amosouse moi orgulloso de que a RAE elixise a capital galega como unha das cidades nas que presentar o diccionario "porque se a nosa cidade xa tiña unha vinculación especial coa Real Academia por ter a 3 académicos numerarios relacionados con ela (Darío Villanueva, Guillermo Rojo e José B. Terceiro Lombra), agora esa vinculación aínda é máis intensa desde a semana pasada en que un veciño de Compostela dirixe esta histórica institución".

Darío Villanueva é o segundo galego que asume tan alta representación –despois do ilustre coruñés Ramón Menéndez Pidal que chegou a dirixir a Academia en dúas ocasións- e "supón desde logo un orgullo para esta cidade", onde Darío Villanueva, ao igual que Guillermo Rojo, desenvolven o seu labor docente, formando a xeracións de especialistas non só en lingua española, senón tamén en lingua galega.

Agustín Hernández describiunos coma "un bo exemplo da enriquecedora experiencia dun país que ten a capacidade de expresarse en dúas linguas, que soubo crear obras mestras da literatura universal tamén na lingua española, axudando a ampliar as súas posibilidades expresivas, como fixeron Rosalía, Pardo Bazán, Valle-Inclán, Camilo José Cela, Cunqueiro, Torrente Ballester, Murguía e tantos outros".

O rexedor compostelán rematou o acto lembrando que "todos estes escritores son patrimonio común de todos os galegos, como o é a propia lingua española e este diccionario que –actualizado, corrixido e aumentado, como se acostuma a dicir- se nos presenta en Santiago".

Compartir: