CULTURA

‘3 sopranos, 3 estilos’ no Todo Lírica de 2014

15/12/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron o programa que traerá o 20 de decembro a Ángeles Blancas con cancións de cabaré e o 28 a Carmen Romeu con canción popular francesa; xa o 3 de xaneiro chegará a copla da man de Mariola Cantarero.

A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron esta mañá o programa do Todo Lírica para este Nadal que leva o título de ‘3 sopranos, 3 estilos’ xa que cadanseu concerto estará protagonizado por unha soprano e un estilo musical particular. O sábado 20 de decembro teremos a Ángeles Blancas acompañada polo pianista Giovanni Auletta e cun programa de cancións de cabaré; o domingo 28 de decembro será Carmen Romeu acompañada por Rubén Fernández Aguirre e a canción popular francesa; para pechar o sábado 3 de xaneiro tamén con Fernández Aguirre pero nesta ocasión coa soprano Mariola Cantarero e a copla como protagonista.

Todos os concertos serán no Teatro Principal ás 20.30h. O prezo das entradas é de 8 euros por concerto e un abono para os tres por 16 euros e poden mercarse en Abanca (web e teléfono) ou no despacho de billetes do Teatro Principal.

A salientable voz de Ángeles Blancas abre esta edición cun concerto baixo o nome ‘Visións de muller, Cancións e cabaré’. Acompañada do pianista Giovanni Auletta, Blancas, unha das sopranos españolas máis salientables da súa xeración, estará en Compostela o sábado 20 de decembro. As súas visións de muller comezan cun ciclo de cancións moi infrecuentes nas nosas salas de concertos e rematan cunha ampla selección das cancións do cabaré berlinés do mestre Kurt Weill. A propia protagonista fala deste programa como ‘unha viaxe a través do Amor… Amor sen límites’ e por iso introduce tamén no mesmo a última escena da ópera ‘Tristán e Isolda’ de Wagner.

Tras este inicio teremos unha nova cita o domingo 28, cando chega á nosa cidade a soprano valenciana Carmen Romeu con ‘Paris mon amour: a canción popular francesa’. Neste concerto estará acompañada polo pianista Rubén Fernández Aguirre. O programa, conformado por cancións de Bizet, de novo obras de Kurt Weill e tamén do inspirador Erik Satie, péchase cunha selección de cancións populares francesas que trasladan a nosa imaxinación a París.

O Todo Lírica deste Nadal pecharase en xaneiro, o sábado 3, coa soprano granadina Mariola Cantarero acompañada de novo polo pianista Rubén Fernández Aguirre. Con Cantarero e o seu programa ‘La copla’, este xénero musical cobra protagonismo por primeira vez no ciclo Todo Lírica. O concerto terá como eixe na primeira parte dúas efemérides da canción española: o cincuentenario do falecemento do granadino Ángel Barrios e o centenario da estrea das Siete Canciones Populares do gaditano Manuel de Falla. Despois escoitaremos célebres romanzas de zarzuelas de Sorozábal e Caballero para rematar cunha ampla selección das coplas máis coñecidas.

Compartir: