ALCALDÍA

O alcalde inaugura unha exposición sobre libros despregables con temática de Nadal que chega a España por primeira vez

15/12/2014 Agustín Hernández inaugurou na Biblioteca Xeral do Pazo de Fonseca a exposición "Nadal en tódalas dimensións", comisariada polo escritor Xosé Antón Neira Cruz, e que trae a España por primeira vez os libros despregables coleccionados pola profesora americana Betty Tissinger.

En verbas do rexedor da cidade "esta colección Betty Tisinger de Libros Despregables que temos a oportunidade de ver por primeira vez en España é un luxo que se nos pon ao noso alcance para poder comprobar algún dos motivos polos que os libros merecen a nosa estima e protección".

A profesora norteamericana que coleccionou estes libros ao longo de 30 anos, que os conservou e que os cedeu en depósito á Universidade de Virxinia que os custodia, réndelle un merecido homenaxe ao libro e, en especial, a estas xoias creativas que –a pesar das antigüidade dalgunhas- sorprenden pola imaxinación e a sensibilidade empregada na súa elaboración.

Segundo apuntou Hernández, que sexa o Nadal a temática central da exposición engádelle aínda un maior interese, para comprobar na diversidade xeográfica e temporal de cada un dos exemplares o tratamento e a interpretación que se fai dunhas datas tan entrañables. "No nome do Concello de Santiago debo felicicitar á Universidade de Santiago e a Xosé Antón Neira Cruz, como comisario desta exposición, polo lo logro de ter reunido e posto ao alcance de todos esta magnífica colección".

Esta exposición salienta pola súa intención clara de realzar o libro e mostrar as súas posibilidades de converterse nunha obra de arte, e engade outro atractivo que sumar á celebración do Nadal en Compostela.

Xunto co Mercado da Quintana que se inaugurou esta fin de semana, o Mercado da Estrela do 20 e 21 de decembro, a pista de patinaxe, o belén do Obradoiro, a Árbore das Ilusións da Praza Roxa e as múltiples actividades, esta exposición axuda a vivir en Santiago un Nadal moi especial, no que a cidadanía e as distintas institucións achegan a súa colaboración para que sexa unha época festiva e diferente, na que a ilusión chegue a cada un dos composteláns.

Compartir: