XUNTA DE GOBERNO

A empresa ISS será a encargada do contrato de limpeza das dependecias do Concello

12/12/2014 A xunta de goberno de hoxe ven de aprobar a cesión do contrato de limpeza das dependencias do Concello á empresa ISS, polo que se resolve definitivamente o conflito surxido arredor das condicións laborais dos empregados deste servizo.

Queda así autorizada a cesión do contrato de prestación do servizo de limpeza das dependencias do Concello, formalizado coa empresa LINORSA, a favor da mercantil ISS FACILITY SERVICES SAU.

Feita de común acordo entre as partes, supón o cambio de titularidade no contrato formalizado a finais do mes de maio de 2014 a través do que se iniciou a prestación efectiva do servizo o 1 de xuño de 2014.

O custe da adxudicación do contrato por 2 anos prorrogables acada os 954.351 euros.

Entre outras condicións que se establecen para cesión, ISS queda subrogado en todos os dereitos e obrigas que lle corresponderían ao cedente, continuando cun contrato do que se levan executados 6 meses e medio.

O prazo de vixencia da explotación será o que resta para o remate do contrato formalizado no seu día coa empresa Linorsa, é dicir, ata o 31 de maio de 2016.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, manifestou hoxe a súa satisfación pola consecución deste acordo, no que, dixo "esta Alcaldía se ten implicado dunha forma moi especial, consciente da transcendencia económica e social derivada do incumprimento das condicións deste servizo e, en consecuencia, que a empresa non puidera seguir afrontando no futuro as súas obrigas co seu cadro de persoal".

Asemade engadíu que "agardamos que esta decisión supoña a solución definitiva a esta cuestión e que lle proporcione a tranquilidade e seguridade a todo o persoal que ven cumprindo coas súas funcións neste servizo".

Documentos relacionados



Compartir: