EIXO ATLÁNTICO

Un grupo de expertos debate en Santiago sobre os grandes proxectos da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal para os vindeiros sete anos

07/09/2006 O grupo de expertos que está a elaborar o documento "Sete ideas para sete anos decisivos" reuniuse en Santiago. O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu a esta xuntanza, na que se avanzou na concreción dos Segundos Estudos Estratéxicos desta asociación transfronteiriza.

Estes expertos teñen o obxectivo de ligar as conclusións dos Segundos Estudos Estratéxicos coa programación comunitaria para o período 2007-2013, unha etapa decisiva para a Galicia e o norte de Portugal. No horizonte está o abandono da situación dentro das rexións de converxencia, facendo un uso máis eficiente dos fondos comunitarios e poñendo en valor os propios recursos. Con este fin, a cooperación transfronteiriza resulta esencia.

Os ex ministros portugueses Arlindo Cunha, Braga da Cruz e Valente de Oliveira, o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe e o ex director xeral de Urbanismo da Xunta, Martín Prado forman este comité, baixo a coordinación do profesor da Universidade de Vigo Luis Domínguez.

Os Segundos Estudos Estratéxico conforman un documento de dúas mil páxinas, no que se formulan propostas e estratexias para o desenvolvemento cohesionado e sostible da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O texto inclúe novos elementos de reflexión como a innovación, a competitividade, as políticas sociais, a sociedade da información ou o policentrismo.

Compartir: