ALCALDÍA

O alcalde destaca o labor dos galardoados nos Premios Manuel Beiras para "desactivar prexuízos lingüísticos" en torno ao galego

11/12/2014 Conxelados José Bermúdez, Promove Consultoría e Formación e a Asociación Puntogal recibiron as súas distincións como gañadores dos XV Premios Manuel Beiras. O acto, celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, foi presidido polo alcalde compostelán, Agustín Hernández.

Na súa intervención no acto, o alcalde comezou cunha lembranza a Manuel Beiras, "un dos fillos predilectos do Concello", o cal, "dende un galeguismo militante e cordial, fixo do galego norma do seu vivir diario". Seguindo o seu camiño, expresou o seu recoñecemento a "aquelas persoas ou entidades que no seu ámbito laboral e empresarial axudan a promover e fortalecer o uso do noso idioma".

"Conxelados Bermúdez, a consultora Promove e a Asociación Puntogal demostran día a día que o galego axéitase ben para a lograr o éxito e a excelencia en calquera actividade, no comercio tradicional, no emprendemento e na formación ou na innovación ligada ás novas tecnoloxías da información e da comunicación", apuntou Agustín Hernández, quen os puxo como exemplo dunha "actitude exemplar que nos debe axudar a desactivar prexuízos lingüísticos aínda moi presentes no mundo do comercio e da empresa".

Aínda recoñecendo o compromiso de moitas empresas coa lingua, indicou que "é preciso insistir en que o galego non só é un activo social, senón tamén un activo comercial e empresarial que cada vez se percibe como un signo de proximidade, unha marca de denominación de orixe que pode ofrecer unha imaxe de maior garantía e confianza ao consumidor".

Concordo con Castelao –que foi amigo e compañeiro de partido de Manuel Beiras-, na súa afirmación de que:

"Se somos galegos aínda, é por obra e gracia do idioma". Estas palabras de Castelao foron lembradas polo alcalde para indicar que "sen dúbida, a lingua é o atributo persoal e colectivo que máis nos identifica, o legado que a todos nos pertence e que nos vincula cos nosos antepasados e coa nosa historia común".

Pero tamén expresou a súa preocupación polos datos da recente enquisa do Instituto Galego de Estatística que "que mostra un acusado retroceso entre a mocidade" no uso do galego. "Non podemos quedar impasibles, nin pensar que é a outros a quen lle corresponde mirar polo noso idioma. E aínda é menos eficaz tratar de utilizar o idioma como unha arma para atacar aos demais", dixo.

Para Agustín Hernández, "o amor pola lingua, o seu uso, non pode ser unha imposición nin unha obriga. Ten que ser froito do convencemento e dun desexo interior de formar parte dunha colectividade que veu compartindo unha fala común coa que construíu esta fermosa cidade, este fermoso país, ao longo dos séculos". Neste sentido, afirmou a súa convicción de que "o uso do galego non depende tanto duns orzamentos públicos, como duns presupostos persoais e éticos, que consideren o idioma como algo propio e irrenunciable, un legado que nos une coa historia e que nos debe acompañar no presente e no futuro".

"Para forxar ese sentimento maioritario de orgullo e de dignidade –concluíu- son de gran utilidade actitudes comprometidas e persuasivas como as que hoxe representan os distinguidos este ano co Premio Manuel Beiras".

Compartir: