CONSORCIO

O trompetista da Filarmónica de Málaga formará neste instrumento a 12 músicos galegos na Escola de Altos Estudos Musicais

11/12/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do trompetista de orixe francesa David Llavata, solista da Orquesta Filarmónica de Málaga. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense doce prazas para músicos externos ao centro.

Para os alumnos externos, as clases celebraranse os días 16, 17 e 18 deste mes. As sesións terán lugar de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes, agás o mércores 17, que a clase da tarde comezará ás 16:00 horas.

Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo o penúltimo curso de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes. Para aqueles que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Máis de 20 anos como trompetista principal na Filarmónica de Málaga
David Llavata naceu na cidade francesa de Avignon en 1967. Comezou os seus estudos musicais en Valencia e continuou a súa formación en Francia. Ten impartido cursos en conservatorios de toda España. Colabora habitualmente con grupos de música contemporánea e grupos de cámara. Ao longo da súa carreira profesional traballou coas orquestras de Palma de Mallorca, A Coruña, Municipal de Valencia, Sinfónica de Valencia ou coa Orquesta Ciudad de Barcelona. Dende o ano 1993 é trompeta solista da Orquesta Filarmónica de Málaga.

Direccións relacionadas



Compartir: