CONSORCIO

Os máis pequenos poderán construír os seus propios instrumentos musicais esta fin de semana no Museo das Peregrinacións

11/12/2014 O Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) promove esta fin de semana tres novos obradoiros didácticos para nenos de entre 6 e 12 anos. Os máis pequenos teñen así a oportunidade de achegárense á historia da cidade a través de xogos.

Cada taller, cunha duración de entre unha hora e media e dúas horas, ten un custo de 3 euros. Para participar en calquera deles é necesaria a inscrición previa, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

O sábado, ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro titulado "Busquemos a Xelmírez". Trátase de coñecer o valor da obra do Mestre Mateo, en particular as características e a calidade do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. "Os rapaces terán que buscar ao infiltrado entre a inconografía do Pórtico, neste caso ao bispo Diego Xelmírez, un xeito lúdico e divertido de aproximarse ás representacións máis emblemáticas que se agochan nesta popular e magnífica escultura" -sinalan os organizadores-.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o taller "Acordes musicais", no que os nenos fabricarán os seus propios instrumentos de percusión mediante materiais reciclados como botellas de anís, pratos de cerámica, dedais, culleres, garfos, tixolas, cunchas de vieiras, botes de especias, latas e mesmo arroz. Búscase así que coñezan os instrumentos tradicionais de Galicia e que aprendan a tocalos, incentivando ademais o gusto pola música e os ritmos tipicamente galegos.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro "Sopa medieval". Comezará cunha breve visita á exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII. Logo deste percorrido pola urbe medieval, os rapaces buscarán en grupo, nunha gran sopa de letras, os nomes das sete portas da muralla que rodeaba a cidade. Esta actividade axudaraos a coñecer e consolidar datos históricos e xeográficos significativos de Compostela.

Compartir: