INFRAESTRUTURAS

En marcha novas redes de subministro e a remodelación de varias rúas da cidade

07/09/2006 A Concellaría de Infraestruturas está a traballar actualmente na creación dunha rede de subministro de auga entre Son de Abaixo e A Grixoa para subministrar auga aos veciños da zona. O custo das obras é de 205.000 en A Grixoa e de 60.000 en Son de Abaixo. Así mesmo, proximamente levarase a cabo o asfaltado con aglomerado en quente entre estas dúas zonas, que conleva uns gastos de 60.000 euros.

No que respecta á remodelacións de rúas, trabállase na mellora da rúa de Teo, que inclúe unha nova rede de saneamento e o cambio das beirarrúas e do pavimentado. Espérase que ao longo de outubro estean finalizadas estas obras, que custarán 309.000 euros.

Así mesmo, proximamente finalizarán as obras de remodelación da rúa Villafines e Modesto Brocos, consistentes nunha nova rede de subministro de auga, remodelación de beirarrúas e pavimentado (238.000 euros). Tamén se está a reparar o enlousado de chapa plena nas rúas de Concheiros e San Pedro, e prevese que en outubro se leve a cabo a remodelación da rúa Nova de Abaixo (900.000 euros). Por último, estanse refacendo as beirarrúas da rúa de Touro (200.000 euros), remodelación na que colabora, a través dun convenio, a Consellería de Traballo.

Ao longo deste mes comezarán as obras de acondicionamento do campo da festa de Figueiras, que terán un custe de 59.800 euros. Nesta parroquia, así como nas zonas da Barcia e Moas de Abaixo estase a facer unha limpeza viaria para proceder ao asfaltado con aglomerado en quente nos vindeiros días. Estas obras terán un custo de 203.853 euros. Tamén se están remando as obras de acondicionamento e asfaltado do firme Monte do Gozo-Aríns (267.000 euros).

O 16 de setembro, con motivo das festas da Gracia, está previsto que se poña en funcionamento o alumeado público do Polígono do Tambre e da Xesteira, que conlevou uns gastos de 59.606 euros.

A concellaría de Infraestruturas prevé que na primeira semana de outubro sairá a licitación a remodelación da rúa Lisboa, en Fontiñas, por 1.000.000 de euros.

Máis de 230.000 euros para novos parques infantís

Os veciños de Santa Marta poderán gozar proximamente un novo parque infantil, na rúa Diego Xelmírez. Doutor Maceira, A Peregrina, e Pozo da Neve (Meixonfrío) contarán tamén a partir deste outono con espazos de lecer para os máis pequenos, mentres que en Xoán XXIII se está a remodelar o parque Xixón. En total, investiranse uns 232.000 euros na construción e remodelación destes parques.

Por outra banda, a concellaría de Parques e Xardíns dotará de equipamentos ás novas pistas polideportivas da Choupana (Santa Marta) (4.000 euros), Volta do Castro (6.000 euros) e Aríns (17.000 euros), onde tamén se levará a cabo unha reforma. En Roxos construirase unha nova pista polideportiva en Roxos, que terá 41.000 euros de custe. Por último, este outono asfaltarase a pista do campo de deportes en Berdía, que terá un custo de 75.000 euros.

Compartir: