CULTURA

O pianista Javier Otero Neira edita o seu primeiro traballo, "Impromptus", gravado no Auditorio de Galicia

10/12/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, acompañou ao pianista Javier Otero Neira na presentación en Raxoi do seu primeiro traballo discográfico, Impromptus, que sairá á venda o luns 15 e que inclúe nove obras dos compositores Frédéric Chopin, Franz Schubert e Gabriel Fauré. Este disco foi gravado a finais do mes de outubro no Auditorio de Galicia.

Este traballo, unha aposta clara e definitoria por impulsar a súa carreira, foi gravado no Auditorio de Galicia, algo que destacou Antón asegurando que "consideramos que o patrimonio das administracións públicas debe contribuír a impulsar a creatividade cultural e que unha das nosas obrigas, como responsables públicos, é por a disposición dos profesionais aquelas infraestruturas que temos que xestionar, para o desenvolvemento de proxectos rigorosos e serios como é o caso deste".

Aínda sendo da Estrada, Javier Otero ten unha estreita vinculación con Santiago de Compostela porque é aquí onde finaliza os seus estudos de piano que iniciou no Conservatorio da Estrada, acadando o título de profesor de piano. Máis tarde completa a súa formación no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde termina coas máximas cualificacións e Mención de Honor de Fin de Carreira, e finalmente estuda co pianista So Young Moon.

Xa desde moi novo, con 17 anos, inicia o seu debut profesional como concertista solista e recibe diversos premios tanto de índole rexional, como nacional ou internacional. Por salientar algún deles, podemos destacar que gaña o concurso de piano da Asociación Galega de Intérpretes de Música Clásica e o premio de piano Blüthner (Alemaña) en 2004. Ao ano seguinte resulta gañador do Premio do Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" .

Javier é un pianista polifacético, cun repertorio misceláneo que abarca todos os períodos da música para piano, prestando especial atención a compositores españois como Turina, Luis de Pablo ou Antón García Abril. Ademais ten un alto compromiso coa música galega, así no seu repertorio atopamos as obras de Juan Durán, Octavio Vázquez, Fernando Buide, Andrés Gaos ou Marcial del Adalid.

Foi o primeiro pianista galego invitado pola Real Filharmonía de Galicia no ano 2007, pero tamén acompañou á nosa Orquestra recentemente, concretamente na Cidade da Cultura con motivo do día Mundial da Música o pasado mes de xuño. A súa actividade profesional está na nosa cidade, pois é profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Ademais participa activamente na Asociación Peregrinos Musicais, que, desde fai cinco ano desenvolve unha importante labor de promoción musical dos nosos mozos.

Broche de ouro a un ano artístico
O pianista resaltou que o lanzamento deste primeiro disco é "o broche de ouro para un ano artisticamente interesante", no que protagonizou outros fitos como o recital ofrecido no Instituto Cervantes de Tokio (Xapón) ou a estrea absoluta da obra Auga doce, do compositor Juan Durán, na Cidade da Cultura, como solista coa Real Filharmonía de Galicia. "Espero que Impromptus marque un punto de inflexión na miña carreira, xa que no futuro agardo poder dedicarme máis profesionalmente á actividade concertística", indicou.

Respecto á selección dos nove impromptus gravados neste disco, Javier Otero explicou que son obras "pouco coñecidas e que agochan un trasfondo que provoca diferentes sensacións en calquera que as escoita: dende a ledicia ata a tristura ou dende a rabia ata o desasosego". O pianista convidou a calquera persoa, sexa ou non amante da música clásica, a gozar deste disco e a escoitalo sen ningún tipo de prexuízo.

A partir do luns 15, Impromptus poderase mercar a través da propia web do pianista, www.javieroteroneira.com, por 14,95 euros –gastos de envío incluídos- ou descargarse dende plataformas on line como iTunes, Google Music Store, Amazon Mp3 ou CD Baby.

Compartir: