NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Conxelados José Bermúdez, Promove Consultoría e Asociación Puntogal, distinguidos nos XV Premios Manuel Beiras

10/12/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez Carracedo, deron a coñecer en rolda de prensa os gañadores da XV edición dos Premios Manuel Beiras, que se entregarán este xoves 11 de decembro, ás 20:30 horas, no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Conxelados José Bermúdez, Promove Consultoría e Formación e a Asociación Puntogal serán os galardoados nesta ocasión.

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego resultou gañador o establecemento Conxelados José Bermúdez, especializado na venda de bacallau en todas as súas preparacións. O seu propietario, empresario anovador e activo participante en proxectos de dinamización do comercio tradicional, foi pioneiro na introdución do galego hai catro décadas, cando a lingua contaba aínda con menor cobertura que na actualidade, e mantén con constancia o seu compromiso e exemplo na actividade comercial e comunicativa.

Promove Consultoría e Formación recibirá o recoñecemento na categoría de nova incorporación ao galego. Creada en 2007, esta empresa céntrase no desenvolvemento local e, ao abeiro dos principios de proximidade e creatividade, deseña os seus proxectos con base na cultura e na identidade de Galicia. O xurado valorou especialmente que esta empresa, formada por mulleres, incorpora o uso do galego ao pé doutras causas xustas como da igualdade, e que as súas intervencións teñen, pola súa vez, un efecto multiplicador.

O xurado acordou tamén conceder a distinción especial do Premio Manuel Beiras á Asociación Puntogal, promotora da candidatura para a consecución deste dominio de primeiro nivel para os contidos galegos e en galego. Os membros do xurado consideraron a relevancia de contar cunha identificación na rede global que nos fará máis visibles como comunidade con trazos lingüísticos e culturais propios e de valor universal, á vez que facilitará a presenza no mundo da nosa actividade, dos nosos produtos e tamén das nosas empresas.

Xurado e distinción
Os galardoados recibirán unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de que respectan o idioma galego.

O xurado estivo presidido pola concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, e integrado por: Evaristo Rodríguez Carracedo, vicepresidente da Cámara de Comercio; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; María Xosé Rodríguez Galdo, da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Belén Regueira Leal, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Xosé María Lema Suárez, da organización en defensa do idioma Prolingua; Lucía Rodríguez Fernández, de Pedra Salgada, empresa premiada na categoría de uso continuado na anterior edición; e Manuel Portas Fernández, distinguido tamén na anterior convocatoria.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socioeconómico.

Compartir: