CULTURA

"Eurozone", de Chévere, e "Pan! Pan!", de A Panadaría, propostas teatrais desta semana

09/12/2014 A Concellería de Cultura ofrece esta semana dúas propostas dentro do programa do Bono de Teatro Galego que ofrece en colaboración co AGADIC. Trátase de Eurozone, dos recentemente nomeados Premio Nacional de Teatro Chévere, que ofrecen dúas funcións, mércores 10 e xoves 11 ás 21:00 horas no Teatro Principal, e de Pan! Pan!, da compañía A Panadaría, gañadora do premio Xuventude CREA 2013, que estará na Zona C do mércores 11 ao sábado 13 ás 20:30 e o domingo 14 ás 19:30 horas.

Ambos espectáculos están enmarcados no Bono de Teatro Galego a través do cal, por 35 euros, se poden elixir entradas para cinco espectáculos de todo o ciclo. Se se adquiren entradas soltas o prezo é de 10 euros para Eurozone e de 8 euros para Pan! Pan! (6 euros o día do espectador na Zona C, mércores). Poden mercarse para ambas obras no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado e días de evento de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para o espectáculo de Zona C tamén se poden mercar alí mesmo dende unha hora antes de que comece e para Eurozone en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Peche de Eurozone en Compostela
Dous anos despois de iniciar o proxecto Eurozone, Chévere pecha o ciclo galego do espectáculo con estas últimas funcións en Compostela. A primeira produción galega programada en tempada en Madrid polo Centro Dramático Nacional, onde acadou un éxito indiscutible, xa foi vista por 10.000 persoas en 21 cidades.

Feita para contribuír ao debate do presente, Eurozone é un auténtico pastiche no que se mesturan as referencias a Reservoir Dogs coa linguaxe da publicidade, os casinos on-line, os bailes de salón e o argot económico que asolaga as nosas vidas.

Pan! Pan!, premio Xuventude CREA 2013
8 personaxes, 5 espazos e toda a banda sonora desta obra creada por só tres actrices e unha bandeira dos Estados Unidos. Pan! Pan!, gañadora do 1º premio Xuventude Crea 2013, é unha comedia con música vocal en directo que parodia os westerns americanos.

Pan! Pan! conta a historia de Harry, un cowboy americano que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo un indio salvaxe que roubou á súa muller, da que está profundamente namorado.

A través da aventura deste antiheroe, redescubriremos ese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as fedorentas cantinas e os desertos cheos de perigos. Como nunha película do Far West, haberá whisky, balas e country. Amor e vinganza a partes iguais.

Partindo dun escenario baleiro, e como na nouvelle cuisine, desmontamos, cuestionamos e reconstruimos os vellos westerns do lonxano oeste. Unha homenaxe de tres actrices, con moito humor e retranca, a esas películas cheas de homes salvaxes e sucios coas que nós, os nosos pais e avós medraron.

A Panadaría é unha agrupación nova que xurde pola necesidade de mesturalo todo: diferentes culturas, linguaxes artísticas, realidade e ficción. A Panadaría reivindica, coa súa actividade, o traballo artesán do teatro e pretende crear un espazo para cuestionar temas de carácter universal. Nesta compañía son tres as que amasan cocen e manducan o pan: Areta Bolado (O Porriño, 1985), Noelia Fernández (Bellinzona, 1988), Ailén Kendelman (Buenos Aires, 1989).

Compartir: